A celebración das Letras Galegas de Francisco Fernández del Riego coincide cos 60 anos da creación desta gran festa da cultura galega, que el mesmo propuxo como académico, e mais co 60 aniversario da Fundación Penzol. Francisco Fernández del Riego dirixiuna dende a súa inauguración en 1963 ata meses antes do seu falecemento, e fixo dela un dos centros de maior actividade da súa fecunda traxectoria.
A exposición dedicada a don Paco consta de paneis biográficos e mesas nas que se amosa unha parte importante da bibliografía do homenaxeado. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, interveu na apertura –á que tamén asistiu o académico numerario Xesús Alonso Montero– xunto ao presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga; o seu actual director e comisario da mostra, Xosé Manuel Soutullo; a secretaria e biógrafa de don Paco, Malores Villanueva; o sobriño neto do intelectual Ramón Martínez e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.