Foto de familia de participantes no documental e intervenientes na presentación en Vigo
A Sala Pedra Seixa da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia acolleu a presentación do documental
Henrique Monteagudo intervén na apertura do acto, acompañado por Beatriz Caamaño, Daniel González Salgado e Roberto Pascual
Damián Varela, codirector do documental, intervén no coloquio con Alba López, Roberto Pascual e Ramón Nicolás
Alba López, codirectora do filme, intervén no coloquio
Pola esquerda, Ramón Nicolás, Roberto Pascual, Alba López e Damián Varela tras o coloquio
Foto de familia de participantes no documental e na presentación sobre o escenario da Sala Pedra Seixa
O documental pode verse nesta páxina web e na canle de Youtube da RAG, pero a de onte foi unha ocasión especial para gozar del nunha pantalla grande e conversar arredor da experiencia da súa preparación e da rodaxe. O presidente da Real Academia Galega agradeceu na apertura do acto a colaboración da ESADG pola súa “magnífica” contribución á fita, que “lle engade moita suxestión e emoción”, e manifestou a satisfacción da Academia pola acollida popular que están a ter as Letras de Begoña Caamaño. Henrique Monteagudo lembrou neste sentido que o 17 de maio é “unha celebración de país” na que a RAG elixe a figura homenaxeada e o conxunto da sociedade é quen “fai a festa”.
A irmá da homenaxeada, Beatriz Caamaño, quixo reiterar as súas felicitacións aos directores do filme, Damián Varela e Alba López, polo “estupendo traballo” e o “rigor e agarimo” demostrado; e referiuse tamén á intensa emoción que está a acompañar estas Letras Galegas dedicadas á escritora e xornalista. “Emocióname moito ver tanta xente con ganas de coñecer a Begoña e de reencontrarse con ela. Estamos vivindo con ela unha e outra vez, estásenos presentando constantemente”, compartiu.
O director da ESADG, Daniel González Salgado, agradeceu a presenza da RAG e dos creadores desta “obra de arte” na escola e subliñou o compromiso do centro educativo co galego, unha idea na que afondou o vicedirector, Roberto Pascual, no coloquio posterior á proxección que compartiu cos directores e o académico correspondente Ramón Nicolás como condutor. O profesor referiuse á sintonía do pensamento e da obra de Begoña Caamaño cos valores da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. “Sen ningún tipo de dúbida, a ESADG ten que ter como materia principal a oralidade do galego”, e nela os seus alumnos e alumnas “non só teñen que aprender técnicas, senón tamén aprender a ler o mundo” para facer “artes escénicas con aquilo que nos interpela”, expresou.
Roberto Pascual leu ademais unhas palabras da profesora de expresión corporal Alba Blanco, quen traballou co alumnado que forma parte do elenco do documental e que non puido asistir ao acto. En referencia á escena rodada na praia da Barra (Cangas de Morrazo), na que se recrea o encontro das protagonistas de Circe ou o pracer do azul (2009) -a primeira novela de Begoña Caamaño-, Alba Blanco salienta como serviu para traballar, entre outras cuestións, “o espazo entre os corpos e como esas tensións se cargaban de intención”.
Sobre o traballo do corpo que realizaron as alumnas Lucía Costas Pérez, Sabela Pereira Rodríguez e Alba Rocha e os alumnos Daniel Vicente Ferreira e Julio Alonso Rodríguez reflexionou tamén Damián Varela. “Teño unha profunda fascinación pola ficción e gustoume moito esta parte do traballo”, confesou o director, que gabou o labor da profesora e do alumnado. Varela e Alba López referíronse así mesmo a como o proxecto foi mudando dende o preguión ata o resultado final. “Con cada paso que iamos dando estabamos moi atentos ao que estaba a ocorrer ao noso redor en relación con Begoña Caamaño”, compartiu Damián Varela. Foi así como xurdiu a gravación do taller de radio no CEIP Monte dos Postes que abre o documental ou a dramatización do texto da actriz Maika Aguado sobre a infancia que compartiu coa homenaxeada, interpretado polas nenas Helena Rodríguez Otero e Laura Diniz Fontán, alumnas de Imaxinatea Lab Creativo de Vigo.
“A maxia de facer documentais é xustamente o que vas atopando polo camiño, cousas coas que non contabas. Contactamos con Maika para entrevistala e foi cando nos comentou que tiña este texto. Quedamos marabillados con el”, contou Alba López. Outro achado inesperado que sinalou a directora é o do alumnado de secundaria vigués que traballara previamente coa figura e coa obra de Begoña Caamaño, e que participa no documental cos seus comentarios persoais sobre os grandes temas da literatura, o xornalismo e o posicionamento vital de Begoña Caamaño.
Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul é unha produción da Real Academia Galega realizada por Miramemira co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.


