A consolidación de ‘Modo Galego, actívao!’, o programa arrolado pola RAG e Ames para se espallar polo país

“Se eu mostro entusiasmo, o alumnado responde ben. E eu este ano estou entusiasmada con Modo Galego, actívao!”, di animosa María Isabel Rodríguez, responsable do Equipo de Dinamización Lingüística (EDL) do CEIP A Maía. “Escoller as parroquias de Ames como fío condutor para infantil e primaria foi un acerto. Estamos a desfrutar moito cos retos que se propoñen e que implican descubrir a contorna, investigar e aprender sobre lugares polos que pasamos habitualmente e non reparamos, coñecer os nosos ríos, a pegada de Rosalía de Castro no noso municipio...”, salienta sobre a última edición do proxecto para a promoción do galego que a Real Academia Galega e o Concello de Ames puxeron en marcha en 2023, que se desenvolve ata o 6 de febreiro coa colaboración de case 300 docentes e uns 200 profesionais da educación non formal.

A cuarta convocatoria está a ser un éxito en canto á participación e confirma a consolidación da experiencia. Deste a volta de Reis, os alumnos e alumnas de infantil ata 2º da ESO dos 11 centros públicos amesáns asumen un obxectivo común: falaren galego o maior tempo posible e en todas as situacións do día a día, da casa á escola e do parque ás actividades extraescolares. Son en total uns 2.700 nenos e nenas, os auténticos protagonistas dunha proposta de marcado carácter lúdico, “o máis importante” para o seu éxito, considera Luis Dobarro Rubido, responsable do EDL do veciño CEP de Ventín. “Motívaos e fai que os nenos e nenas asuman con agarimo o desafío de se expresaren o galego. Estes días escóitase moito tanto nas aulas coma nos corredores e no patio”, asegura.

A amenidade está abofé na cerna do Modo Galego, actívao!, pero o programa érguese sobre outras pezas fundamentais para sementar futuro que lle outorgan singularidade fronte a outras iniciativas que perseguen o mesmo propósito. Unha delas é o seu carácter integral e transversal, coa participación simultánea de todos os centros educativos públicos dun mesmo concello e a procura da colaboración de todos os axentes implicados na educación, dentro e fóra das aulas, desde o profesorado e as familias ao monitorado de actividades e servizos complementarios. Outra é a súa vocación de proxecto que sirva de banco de probas para consolidar un modelo replicable baseándose no rigor científico. Nado e arrolado desde Ames, da man do Servizo de Normalización Lingüística municipal e do Seminario de Sociolingüística da RAG e para se espallar por todo o país.

Do diagnóstico ás medidas, da investigación á acción, das familias ao monitorado
Tras uniren esforzos para a confección do Mapa Sociolingüístico escolar de Ames (2021), a Academia e o Concello de Ames concibiron Modo Galego, actívao! co propósito de deseñar e avaliar propostas que permitan frear e reverter a perda de galegofalantes que se produce cando os cativos e cativas ingresan no sistema educativo e animar os demais a romper a falar a lingua propia. O estudo púxolle cifras ao fenómeno, entre elas a perda do 10% de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil. En cada edición de Modo Galego, actívao! execútanse as novas experiencias, formuladas e reformuladas tras escoitar todas as partes implicadas, e avalíanse os seus resultados. É, pois, un programa de investigación e acción. Unha dobre vertente na que o deseño e a análise posterior das medidas son froito da colaboración do Seminario de Sociolingüística da RAG e Servizo de Normalización Lingüística de Ames.

Canto á posta en práctica, o profesorado ten un protagonismo destacado. Os titores e titoras son os que lle expoñen ao alumnado os retos concretos, diarios en infantil e primaria, semanais na ESO. Mais son sobre todo colaboradores imprescindibles para lle transmitir ese entusiasmo que contaxian mestras e mestres como María Isabel e Luis. E como Milagros Diéguez Taboada, profesora de matemáticas e responsable do EDL do IES do Milladoiro, que expón entre as suxestións para a mellora do programa en vindeiras convocatorias que se flexibilice a súa implantación na secundaria. “Agora mesmo restrínxese a 1º e 2º da ESO, sería bo poder aplicalo tamén noutros cursos onde impartan clases profesores e profesoras que se sintan implicados co programa”, propón.

Modo Galego, actívao! tamén busca a complicidade do monitorado de servizos como os comedores e actividades complementarias de xestión municipal, en consonancia cos estudos que demostran a crecente importancia nos comportamentos lingüísticos deste tipo de contextos de socialización. Por iso a última fichaxe do equipo son os adestradores e adestradoras das escolas deportivas. “O deporte é un ámbito privilexiado para educar en valores e para crear comunidade, e o fomentar o galego forma parte destes obxectivos”, lembra o Seminario de Sociolingüística.

E por último, ou en primeiro lugar, están as familias. A súa implicación medra en cada edición, confirma Ana Isabel Mirás Jorge, responsable do EDL do CEIP Agro do Muíño, outra mestra comprometida coa tarefa colectiva de lle dar esoutras mil primaveras máis ao galego que soñou Álvaro Cunqueiro. “A experiencia está a ser marabillosa, e a participación estupenda. Coido que a colaboración das familias e de toda a comunidade educativa vai a máis”, valora a mestra, titora de 6º de infantil. “Está claro que estas tres semanas cada curso non son abondo para modificar os comportamentos lingüísticos, pero funcionan como unha chuvia fina que contribúe a mudar as cousas. Os nenos e nenas están realmente moi motivados. Se algunha vez eu me vou ao castelán sen decatarme ao lle responder a un pequeno que fala castelán, axiña me din outros: Ei, modo galego!”, conta.

A educadora agarda que o proxecto perdure no tempo para que os froitos madurezan. A RAG gaba neste sentido o compromiso demostrado ao longo destes anos polo Concello de Ames e valora a colaboración nesta edición da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Lingua. A Academia traballa xa de cara á extensión do programa a outros municipios, avanzando na confección do mapa sociolingüístico escolar de Santiago de Compostela e ultimando os detalles para asinar proximamente convenios de colaboración con Pontevedra, Carballo ou Rois, tras a sinatura dun protocolo de colaboración coa Asociación de Entidades Locais pola Lingua Alingua, da que forma parte o propio Concello de Ames.

Colaboración co Proxecto Nós para o rexistro de voces en galego
As actividades que propón Modo Galego, actívao! tratan de conectar cos intereses do alumnado segundo a súa etapa de desenvolvemento, desde esa descuberta da contorna para os máis miúdos, que van completando con adhesivos un divertido mapa de Ames con cada reto cumprido; ata o poder de sedución da música para os adolescentes. Hai tamén actividades comúns para gozar en familia, algunhas estreitamente conectadas coas últimas tendencias. É o caso da chamada a participar na doazón de voces en galego do Proxecto Nós, que traballa na mellora da presenza do noso idioma no mundo dixital e na súa incorporación ao desenvolvemento de aplicación baseadas na intelixencia artificial. Á espera do reconto detallado, desde o proxecto confirman o éxito da convocatoria e que recibiron unha morea de voces dos activadores amesáns.
 
“Puidemos escoitar voces de todas as idades, rapazas e rapaces con xeitos de falar diferentes, que nos contaron moitísimas cousas interesantes: desde os seus instrumentos, comidas, libros, mascotas e pasatempos favoritos e de que lles gustaría traballar de maiores, ata as súas opinións sobre o sistema electoral, a xestión dos cartos e o cambio climático. Tamén notamos a participación dos/as nais/pais/titores/as, que tanto gravaron coma axudaron aos pequenos locutores ao leren as preguntas ou facilitaren o diálogo”, comparten desde o Proxecto Nós, animando as familias de Ames e de todo o país a seguir participando na doazón das voces que se activan na nosa lingua.