A edila do BNG no Concello da Coruña Mercedes Queixas mantivo este luns un encontro co presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o vicesecretario da institución, Henrique Monteagudo. A tamén deputada no Parlamento de Galicia e académica correspondente interesouse pola marcha das obras de rehabilitación da sede da RAG, a planificación da celebración do Día das Letras Galegas 2024, que homenaxeará a escritora coruñesa Luísa Villalta, e outros temas de actualidade relacionados coa lingua e a cultura galegas.
A xuntanza tivo lugar na sede temporal da Real Academia Galega, no polígono de Pocomaco. A concelleira coñeceu as instalacións onde a institución permanecerá mentres duren as obras de rehabilitación integral da súa sede, o número 11 da rúa Tabernas da Coruña.