A celebración do centenario de Murguía arrinca na Coruña os días 1 e 2 de febreiro

O 2 de febreiro de 1923 morría na Coruña Manuel Murguía. Unha multitude daríalle o último adeus dous días máis tarde na mesma cidade na que viviu os seus últimos anos. O cortexo fúnebre percorreu as rúas coruñesas antes de que os restos mortais do primeiro presidente da Real Academia Galega recibisen sepultura en Santo Amaro. Alí, ao pé da súa tumba, abriranse o vindeiro martes, 1 de febreiro, os actos de conmemoración do centenario do seu pasamento. Ás 12:00 do mediodía descubrirase unha placa conmemorativa encargada pola Real Academia Galega e o Concello da Coruña ao deseñador Pepe Barro, e posteriormente, ás 13:00 horas, celebrarase un acto institucional no salón de plenos do pazo de María Pita.

1/4

Na sesión no consistorio coruñés, o académico de número e director da Sección de Historia da Real Academia Galega, Ramón Villares, será o encargado de lembrar a figura de Manuel Murguía, o seu pensamento e o seu legado. “Murguía é figura central da cultura galega contemporánea canda Rosalía, que é a escritora fundadora da literatura galega moderna”, sitúa o historiador.

Conmemorar o centenario da súa morte, que é tamén case o centenario do seu nacemento (Murguía naceu en 1833 no veciño concello de Arteixo), significa rescatar e poñer en valor tres aspectos esenciais, explica Ramón Villares. “O primeiro deles é a contribución a crear a historia de Galicia, como un relato global interpretativo do ser de Galicia; o traballo político, como dirixente do rexionalismo de orientación liberal,  colocando Galicia no contexto político peninsular, con Cataluña e o País Vasco como piares do que significaba a revista La España Regional; e, por último, a institucionalización da cultura galega mediante a fundación da Real Academia Galega, coa axuda das colectividades da emigración, nomeadamente da Asociación Protectora de La Habana, dirixida por Fontenla Leal e Manuel Curros Enríquez”, debulla o catedrático emérito de Historia Contemporánea. “En suma, a Galicia actual sería moi distinta sen o traballo de figuras excepcionais como Murguía”, conclúe.

Xornadas Manuel Murguía
A Real Academia Galega continuará o xoves 2 de febreiro co calendario de celebracións coa inauguración das Xornadas Manuel Murguía. Centenario 1923-2023, un programa que irá máis alá do seu papel como fundador da Academia. “Tamén lle debemos os alicerces históricos do galeguismo, así como símbolos da identidade galega”, engade a directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, que coordina canda e o propio Ramón Villares os encontros que se desenvolverán co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Fundación Rosalía, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Rosalía, o Concello da Coruña e a Fundación Luis Seoane. Esta última acollerá a xornada inaugural, dedicada a Murguía e as institucións; e as seguintes terán lugar os xoves 9 e 16 de febreiro en Santiago e en Padrón, na USC e na Casa da Matanza, e profundarán na idea de Galicia de Murguía e na relación entre a literatura e nación, respectivamente. Todas as sesións, de entrada libre ata completar a capacidade dos auditorios, poderán seguirse ademais en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.

Tras a inauguración institucional, a xornada do 2 de febreiro xuntará nunha mesa redonda o académico de número Xosé Luís Axeitos, a académica correspondente Ana Romero Masiá, o deseñador Pepe Barro e o investigador Emilio Xosé Insua. Xosé Luís Axeitos, coeditor –xunto ao gran biógrafo de Murguía, o historiador e presidente da RAG Xosé Ramón Barreiro (1936 - 2021)– do epistolario do intelectual custodiado na Academia, afondará na súa relación coa cidade da Coruña e a propia RAG; Ana Romero Masiá centrarase nas orixes da RAG e a Sociedad de Folklore Gallego; Emilio Xosé Ínsua centrarase nos conflitos, logros e limitacións dos primeiros anos da RAG e Pepe Barro falará da bandeira galega de Manuel Murguía e Rosalía de Castro.

A sesión do 9 de febreiro na Universidade de Santiago contará coas achegas dos historiadores Xusto Beramendi e Ramón Villares e do politólogo Ramón Máiz, e rematará cunha actuación musical do trío de corda da Orquestra da USC formado por Gonzalo Muíño e Esther X. Pérez-Pallaré nos violíns e Antón Mazaira na viola. As xornadas concluirán na Fundación Rosalía de Castro o 16 de febreiro. O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, moderará a mesa sobre literatura e nación que contará coa biógrafa de Rosalía María Xesús Lama e os tamén investigadores Xurxo Martínez e Ana Acuña. A música do barítono Eliseu Mera e do pianista Cándido Cabaleiro poralle o ramo aos encontros.