A programación especial arrincará ás seis da tarde cunha proposta pensada para os pequenos e pequenas da casa, o obradoiro de descubrimentos "Tic Tac Cluedo. Onde están as mulleres no Museo?", conducido por Neves Seara e concibido para nenos e nenas de 6 a 12 anos.
Unha vez conclúa o horario infantil, ás 19 horas o Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña interpretará "Instantes", baile contemporáneo con coreografía de Armando Martén. Tamén a partir das 19 horas e ata a medianoite, proxectarase "A inquietude das cousas", unha intervención audiovisual da artista arxentina Romina Casile baseada na extracción de sons de elementos da esfera doméstica.
A Casa–Museo Emilia Pardo Bazán tamén lles dará cabida ás artes escénicas, en forma de microteatro e da man de Casa Hamlet. Baixo a dirección de Santiago Fernández, a partir das 20 horas e en quendas de 15 minutos, ofrecerá ata as 24 horas distintas representacións dramatizadas.