Imaxe da bandeira que se conserva na Academia
A bandeira que cubriu os restos mortais de Manuel Curros Enríquez na súa derradeira viaxe en marzo de 1908, desde a Habana ata A Coruña, é a bandeira de Galicia máis antiga que se conserva e moi posibelmente a primeira feita en tea que ondeou na nosa terra.
A bandeira foi deseñada no ano 1890 polo movemento rexionalista, liderado por Manuel Murguía, e empregada por primeira vez un ano despois con motivo do traslado dos restos de Rosalía de Castro a Santiago de Compostela. É salientable o feito desta bandeira non ter sido imposta por lei, senón aceptada e escolleita entre outras posibles, polo pobo.
A aceptación popular débese en gran medida á diáspora galega en América, de feito a bandeira da que estamos a falar foi custeada pola revista Galicia da Habana coa intención de homenaxear a memoria de un dos seus máis ilustres colaboradores.
Tamén foi importante nesa aceptación o papel das asociacións culturais e políticas vinculadas ao Rexionalismo e por suposto a auctoritas da Academia, con Murguía na presidencia, única institución intelectual propia do país, que foi fundamental para a elección da actual bandeira de Galicia.