Débora Álvarez Moldes e Margarida Pizcueta Barreiro cualificaron Florencio Delgado Gurriarán. Antoloxía poética como a escolma “máis valdeorresa das que se poden atopar nas librarías”.
O volume, editado por Galaxia, inclúe un limiar do presidente da Real Academia Galega e tamén reproduce o perfil biográfico sobre o protagonista das Letras Galegas 2022 asinado polo seu colega José Gayoso nos anos 80 do século pasado, cando o poeta aínda era un gran descoñecido fóra da súa comarca. Este ano, destacou Víctor F. Freixanes, contribuirá definitivamente a proxectar entre todo o público a figura de Delgado Gurriarán e converterá Valdeorras “na capital cultural do mundo”.
O presidente da RAG participou na presentación da antoloxía no concello natal de Florencio Delgado Gurriarán xunto a Débora Álvarez Moldes, Margarida Pizcueta, o presidente do Instituto de Estudos de Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro.