A Academia ofrece na Rede duascentas publicacións propias desde o ano 1906

Milleiros de páxinas editadas pola Real Academia Galega dende o ano 1906 xa poden lerse na Rede nun novo espazo web da institución, publicacions.academia.gal, concibido para facilitar non só a consulta aos usuarios, senón tamén o acceso directo a un importante número de títulos. O portal permite consultar o catálogo de monografías propias saídas do prelo desde o ano da inauguración da institución ata a actualidade, máis de 350 volumes, 200 dos cales están dispoñibles en PDF de descarga gratuíta.

Pola esquerda, Juan Montenegro, Víctor F. Freixanes, Nélida Cosme e Henrique Monteagudo na presentación da web de publicacións da Academia. Fonte: RAG


O portal foi presentado esta mañá en rolda de prensa polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o secretario, Henrique Monteagudo; e os responsables dos departamentos de publicacións e informática, Nélida Cosme e Juan Montenegro. "Con esta nova web, a Real Academia Galega avanza no compromiso coa promoción do acceso universal ao seu patrimonio aproveitando as tecnoloxías da información e da comunicación", salientou o presidente. A institución agarda aumentar proximamente o número de títulos propios dispoñibles na Rede.

Henrique Monteagudo salientou ademais as vantaxes desta nova plataforma, deseñada no marco do Public Knowlegde Project, que fornece de ferramentas de software libre para a publicación académica a universidades e centros de investigación de todo o mundo. "A nova web permite xestionar desde un único espazo tanto os envíos e as revisións dos textos antes da publicación, como a catalogación e a produción de PDF".

A web ofrece, entre outros moitas monografías, os discursos de ingreso na Real Academia Galega de figuras como Castelao, Antón Villar Ponte, Ramón Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro; os volumes da colección sobre toponimia Terra Nomeada; as actas das Xornadas de Onomástica Galega dedicadas aos alcumes, a microtoponimia e os nomes propios ou as antoloxías sobre as Irmandades da Fala.

A nova web súmase á das publicacións periódicas da RAG, que dá acceso aos 379 números do Boletín editados desde 1906, a Cadernos de lingua e La Tribuna, a revista de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.