Pola esquerda, Goretti Sanmartín, Valentín González Formoso, Víctor F. Freixanes, Marilar Aleixandre e Henrique Monteagudo. Autor: Deputación da Coruña
No encontro, na sede da Deputación da Coruña participaron tamén o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e a tesoureira, Marilar Aleixandre. Víctor F. Freixanes, agradeceu a "sensibilidade" que amosa a Deputación da Coruña, unha das institucións que "colabora con maior compromiso" no funcionamento da Real Academia Galega.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a "longa traxectoria de colaboración" entre ambas as entidades e felicitou a Freixanes pola súa nova responsabilidade á fronte da RAG "unha institución centenaria, da que nos sentimos orgullosos, e que ao longo da súa historia se caracterizou sempre polo seu traballo a prol da cultura galega".
A vicepresidenta e responsable de Normalización Lingüística da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, repasou iniciativas desta área e fixo fincapé na Ordenanza de usos do galego que se aprobou no pasado pleno da institución provincial. "Estamos sentando as bases para que se fomente a utilización do galego desde todas as áreas", explicou.
A Deputación da Coruña colabora no financiamento das actividades da Real Academia Galega a través dun convenio que se asinará proximamente. Entre outros programas, participa nos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia "Galego sen Fronteiras", na elaboración do Estudo sociolingüístico que avalía as competencias e usos lingüísticos na infancia e no proxecto web Primavera das letras, que fornece a comunidade escolar de contidos didácticos arredor do Día das Letras Galegas. A Real Academia Galega e a Deputación da Coruña, xunto co Museo do Pobo Galego, tamén conmemoraron da man o pasado ano o centenario do nacemento das Irmandades da Fala, movemento cuxo legado rescataron coa exposición "Saúde e Terra, irmá(n)s!".