Logotipo da asociación
Durante as décadas finais da ditadura franquista, o asociacionismo cultural asumiu en Galicia a tarefa da defensa das nosas lingua e cultura, propias, que foran gravemente danadas nos anos que seguiron á Guerra Civil. Dentro deste movemento, a Agrupación Cultural O Facho, da Coruña, ocupa un lugar sobranceiro.
Corenta anos despois daquela época, en xaneiro de 2012, a Agrupación Cultural O Facho doou á Real Academia Galega os fondos da súa biblioteca, ademais de numerosos cadros, unha importante colección de carteis e o seu arquivo documental. Por este motivo a Academia séntese dobremente obrigada a render homenaxe ao labor desenvolvido por aqueles homes e mulleres que mantiveron e manteñen un facho aceso na defensa da nosa cultura.
A iniciativa da creación da Agrupación Cultural O Facho partiu de dous estudantes coruñeses, Henrique Harguindey Banet e Andrés Salgueiro, que, no verán de 1963, fixeron un chamamento na prensa solicitando o concurso de todos aqueles interesados na creación dunha asociación cultural co obxectivo de promover e alentar o coñecemento e a difusión da lingua e a cultura galegas.
A proposta tivo eco e, no mes de outubro dese mesmo ano, formouse unha comisión organizadora que acometeu a fundación da agrupación. Por fin, o 23 de decembro foi celebrada a primeira xunta.
A primeira directiva d'O Facho estivo formada por Henrique Harguindey Banet, presidente; Leopoldo Rodríguez Regueira, secretario; Xermán Muñiz Castro, tesoureiro; Enrique Iglesias Conde e Elena Rosa López Meneses, vogais.
O Facho desenvolve desde os seus inicios un intenso activismo cultural, organizando cada ano conferencias, homenaxes, recitais musicais e moitos outros actos arredor da cultura galega. Non é doado, xa que logo, resumir nun só artigo a historia destes cincuenta anos de traballo incesante, de maneira que, entre a morea de iniciativas levadas a cabo por esta asociación, decidimos escoller algunhas especialmente representativas polo seu valor histórico e simbólico.
Con poucos meses de vida, xa en 1964, a asociación organizou cursos de lingua galega abertos a calquera persoa interesada, nun exercicio de defensa e promoción da nosa lingua heroico naquel tempo escuro. Na creación dos cursos colaborou o dramaturgo, lingüísta e ensaísta, Leandro Carré Alvarellos, quen tamén foi académico de número da Real Academia Galega. Os cursos convocáronse de xeito ininterrompido deica os anos oitenta.
Nesta ligazón pódese acceder á nova en La Voz de Galicia sobre a inauguración e peche do curso de galego de 1974.
Ao ano seguinte, a agrupación coruñesa funda o Grupo Teatral O Facho, do que chegaron a formar parte, ente outros, Manuel Lourenzo e Francisco Pillado. O grupo levou a escena un feixe de obras de autores, tanto galegos como estranxeiros, cuxos textos eran traducidos, en moitas ocasións, polos propios compoñentes da agrupación. Deste xeito, representan A feira dos criados, de Bertolt Brecht, en 1966; Antígona, de Jean Anouilh no 70, O Cantar dos Cantares de E. Blanco Amor, en 1975; O Auto do Prisioneiro, de Ricardo Carballo Calero, no mesmo ano; ou Xan Barallocas de Giovacchino Forzano, en 1990, por citar só algunhas das súas producións.
Imaxe do cartel da representación de Xan Barallocas, en 1990
Unha entrevista en prensa ao Grupo Teatral O Facho, no ano 1974, pódese descargar aquí.
A promoción do galego nos medios de comunicación foi outra das súas arelas. Con este fin, nos anos setenta e oitenta mantiveron as seccións en galego "Arco da vella" e "Contos de nenos galegos" no Ideal Gallego e en La Voz de Galicia, respectivamente; unha iniciativa que levaron tamén á radio, encargándose, entre 1973 e 1978, da emisión do programa radiofónico en galego "Da terra e dos tempos", emitido desde A Coruña por RNE. Unha copia dun destes guións radiofónicos pódese descargar aquí.
Porén, a maior repercusión social de todas as actividades desenvolvidas pola asociación coruñesa foron os concursos literarios. Desde o ano 1968 e chegando preto dos nosos días, O Facho convocou numerosos concursos de contos infantís, poemas e teatro infantil en galego, que, durante longo tempo, mantiveron unha periodicidade anual. A estes premios literarios hai que engadir a convocatoria ocasional dun concurso de banda deseñada, doutro de redacción en galego e un terceiro de deseño. Na nómina de gañadores deste premio constan moitos dos escritores máis importantes da nosa recente historia literaria, como Carlos Casares (Conto para nenos, 1968 e Teatro infantil, 1973), Bernardino Graña (Conto para nenos, 1969), Dora Vázquez (Contos para nenos, 1976), Manuel Lourenzo (Teatro infantil, 1975 e 1981), Manuel Rivas (Poesía, 1978), Pilar Pallarés (Poesía, 1979), Jaraba (Banda deseñada, 1980) ou Miguel A. Fernán Vello (Poesía, 1981).
Aquí pódese descargar un documento con debuxos feitos polos nenos para os contos.
Debuxo infantil para ilustrar un conto
Finalmente hai que lembrar as diversas publicacións editadas polo Facho, entre as que destacan os libros Contos pra nenos (Vigo, Galaxia, 1979) e O galego hoxe: curso de lingua (A Coruña, La Voz de Galicia, 1978), realizado polo equipo de lingua da asociación.
Esta achega non é mais ca un resumo da multitude de actividades que O acho leva promovido e organizado ao longo de todos estes anos, e que non terían sido posibles sen o esforzo e o sacrificio persoal de todas aquelas persoas que teñen traballado e traballan, aínda hoxe, desinteresadamente no labor comunal da defensa da nosa lingua e cultura propias. Para valorar no que merece o seu esforzo, hai que lembrar, tamén, que durante os seus primeiros vinte anos de vida, O Facho enfrontouse á represión e censura da administración franquista. No ano 1973, por exemplo, tivo que asumir unha multa de 5.000 pesetas, imposta polo Gobernador Civil da Coruña, por mor da lectura dun poema de Xosé Luís Franco Grande, que se pode descargar aquí, e doutro de Arcadio López Casanova, que tamén se pode descargar.
Aos embates do réxime hai que engadir a actitude ás veces hostil cara ao galego dalgúns concidadáns, como se pode comprobar nesta carta enviada á dirección de RNE da Coruña en maio do 77.