-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Casa-Museo
As orixes. Sociedad del Folk-lore Gallego. A rúa Tabernas, 11
O vínculo de Emilia Pardo Bazán na xestación da Real Academia Galega é innegable. Así o recoñeceu a institución ao acordar por unanimidade o seu nomeamento como “presidente honoraria”, como recolle a acta da reunión do 4 de setembro de 1905. Os “indiscutibles méritos” dos que fai mención o acordo teñen que ver coa aceptación de presidir o seu xerme inicial, a Sociedad del Folk-lore Gallego en 1884. A actividade como presidenta desta sociedade abranguíu a convocatoria social, as publicacións e incluso o deseño dos seus estatutos―tras analizar algúns dos mais importantes de entidades semellantes de España e Francia― que aínda se detectan nos propios da RAG. A seguinte ligadura foi formar parte da Comisión Xestora que lle deu o pulo final á creación da Real Academia Galega.
Outra razón, seguramente relacionada coa anterior, resulta ser a vivenda familiar da rúa das Tabernas, 11 na Coruña, onde tamén tiveran lugar as reunións da Sociedad del Folk-lore. A doazón das herdeiras da escritora en 1956 provee de sede á Real Academia Galega. En compensación, a esta comprométese a velar pola Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.
Emilia no seu gabinete de traballo, en 1884, no mesmo lugar que ocupa hoxe a súa Casa-Museo; única fotografía de interior da vivenda que coñecemos desa época.
1949-1956. Sinatura de doazón
Nos primeiros días da guerra civil foran asasinados tanto o vinculeiro como o neto de Emilia Pardo Bazán; motivo polo que a saga familiar se extinguiu. Na imaxe, Manuela Esteban Collantes, viúva de Jaime Quiroga e herdeira do seu propio fillo, ante a mirada de Blanca Quiroga Pardo Bazán, a derradeira filla viva de dona Emilia, asina ante notario a doazón do edificio da rúa Tabernas á Real Academia Galega. Deste xeito, facilítalle a “sede honorable” sobre a que escribe Bugallal Marchesi ao presidente da Academia, Manuel Casás, no ano 1949, cando a solución ao problema habitacional da institución comezaba a ser urxente. Como é lóxico, entre estes anos sucédense distintos achegamentos (publicacións, conferencias, declaracións e outros actos) ata chegar ao 4 de maio de 1956, en que ten lugar a sinatura da doazón do edificio, reservado ata o pasamento das donatarias.
O documento de doazón
Este documento é a folla de ruta ao que se debe cinguir a Academia. Establece o “compromiso” citado polo presidente Xosé Ramón Barreiro no limiar do catálogo da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán (2003). Estipula o uso exclusivo do primeiro andar ―a planta nobre― para Museo, define os seus obxectivos e a súa dependencia administrativa da Real Academia Galega, coa condición de que esta atenda ao mantemento da colección, con destino ao “expresado Museo” e á convocatoria de actividades relacionadas co recoñecemento e homenaxe da escritora.
1971-1979. A execución da doazón
María de las Nieves (Blanca) Quiroga, segunda filla de Emilia Pardo Bazán e derradeira descendente, morre o 2 de decembro de 1970. O ano seguinte execútase o seu testamento e, por tanto, a doazón da vivenda. A Real Academia Galega nomea dúas comisións de académicos, que seleccionarán as pezas que quedaban na vivenda da rúa Tabernas da Coruña e tamén na da rúa Goya de Madrid, residencia de Blanca Quiroga. O seu destino “ao expresado Museo” xa viña determinado pola testamentaria.
O Concello da Coruña recibe os fondos e amósallos á cidadanía no Pazo de María Pita, segundo recolle a prensa da época. As obras de rehabilitación na rúa Tabernas, deseñadas polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat, están a piques de comezar.
Oito anos despois, o 22 de marzo de 1979, a sede da Real Academia Galega e o Museo Emilia Pardo Bazán inaugúranse formalmente coa presenza dos reis don Xoán Carlos I e dona Sofía.
1980-1999. O primeiro museo
Na resposta ao discurso de ingreso de Andrés Fernández-Albalat como académico de número, Carlos Casares analiza o significado do traballo de reconstrución dunha vivenda para adaptala a un museo. Defende que debe presentar o personaxe que a habitou e compara as propostas das casas museo de Rosalía de Castro e a de Emilia Pardo Bazán, xa que o propio Fernández-Albalat se ocupara das dúas.
É a partir de 1999, durante a presidencia de Francisco Fernández del Riego, con Xosé Ramón Barreiro Fernández como tesoureiro, cando comezan os labores de recollida do Museo. Sígueo un acondicionamento do espazo expositivo e a adaptación técnica indispensable para asumir unha nova etapa.
1999-2003 Tarefas museolóxicas e museográficas; catalogación, deseño, montaxe
Foron tres longos anos de traballo intenso e fermoso en distintas direccións: desde a complexidade da elaboración do plan museolóxico ―que aspectos, para que público, de que maneira― ata o proxecto expositivo. Tras formulárense tres propostas, a Xunta Executiva da Real Academia Galega elixiu a que mesturaba zonas históricas e contemporáneas. A fortuna de traballar nun espazo en que se intuía o plano orixinal fixo que, paulatinamente, o contido fose respondendo e ocupando o seu lugar, como nun puzzle.
Nestes tres anos, o concepto foi tomando sentido grazas que se investigou e procurou coñecer en profundidade esta figura complexa. Foron moitas as consultas, as adaptacións, as comprobacións, os ensaios que se realizaron para acadar o resultado final.
O 17 de marzo de 2003 inaugurouse a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán
Aínda que o nome era novo ―e evidente―, ten os seus antecedentes: xa o 2 de febreiro de 1984 (coa nova do nomeamento de Alonso Montero como académico), a institución comeza a aparecer en prensa como Casa-Museo. A lóxica faise efectiva o 25 de outubro de 2006. Grazas á solicitude do entón presidente, Xosé Ramón Barreiro Fernández, o Consello Galego de Museos fai oficial esta nomenclatura.
2003-2023 A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán
As pezas orixinais debuxan á persoa que se rodeou delas: bos materiais (madeiras nobres, sedas, prata, porcelana, cristal); boa factura (Real Fábrica de Tapices, Limoges, Bohemia, excelente e anónima ebanistería...); signos e símbolos (anagramas, escudos heráldicos, musas...); retratos, paisaxes, imaxinería relixiosa, fotografías e moitos libros da biblioteca de dona Emilia (dedicados, subliñados, envoltos, publicados...). O difícil foi escoller.
2003-2023. Actividades
Tentamos abranguer case todos os rexistros sociais e ofrecer recursos e linguaxe para todos e todas: escolares, grupos de adultos, necesidades especiais, visitantes individuais, familias, faladoiros mensuais sobre temas variados (187 convocatorias durante 17 anos). Recibimos visitas de xente importante (na imaxe, Luís Goitisolo) e de xente que o vai ser... Publicamos na rede unidades didácticas e outros traballos, elaboramos e levamos a cabo rutas pola Marineda de dona Emilia a partir dos seus textos. Celebramos o Día ―e a noite― Internacional dos Museos, o 8M, o 25N, o Día do Libro...
Se algo é certo é que as visitas dramatizadas tiñan sempre moi boa acollida. O personaxe na súa casa, coas súas cousas. Que luxo!
O noso obxectivo? A túa ollada activa
Pouco mais que engadir; habería 25 anos de ideas e experiencias para anotarmos. O noso obxectivo foi sempre que as persoas que saísen da Casa-Museo, despois dunha visita, marchasen cunha ollada mais lúcida. Por darnos esa oportunidade, só nos queda dar as grazas.


