-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería García-Sabell
Domingo García-Sabell foi unha das figuras máis sobranceiras da cultura galega do século XX. A súa traxectoria é relevante en varios ámbitos: a medicina, o ensaio, o galeguismo cultural e a política. Nado en 1909 en Santiago de Compostela, formouse en Medicina na súa universidade e na de Madrid, ampliando estudos en Suíza e Alemaña. Faleceu aos 93 anos na Coruña.
Formou parte da xeración Galaxia, dentro da cal contribuíu brillantemente a cultivo do ensaio, con textos antolóxicos como Análise existencial do home galego enfermo, James Joyce e a loita pola comunicación total, Notas sobre a fame galega, As facianas do erotismo contemporáneo, A realidade humana de Rosalía ou Castelao, ou Galiza ao axexo.
Afiliado do Partido Galeguista en 1936, sufriu represión tras o golpe de 1936, chegando a pasar por un campo de concentración e sendo excluído da carreira universitaria. Durante a posguerra converteuse nunha figura de referencia do galeguismo e tivo un papel fundamental na promoción da cultura galega como forma de resistencia ao franquismo, converténdose nunha figura intelectual clave da Galicia do seu tempo. Colaborou na creación e dirección de Editorial Galaxia, unha institución fundamental para a recuperación das literatura e da lingua galega durante o franquismo.
Asistentes ao pleno do Padroado Rosalía de Castro, o 24 de xullo de 1951, no Instituto San Clemente, en Santiago de Compostela. García Sabell é o octavo de esquerda a dereita da fila dos que se atopan de pé, a beira de R. Otero Pedrayo
García-Sabell é lembrado sobre todo por intentar unir ciencia e humanismo. A súa idea de que a medicina debe atender a persoa na súa totalidade, e non só á doenza, foi moi avanzada para a súa época. Ao mesmo tempo, axudou a construír boa parte do pensamento galego contemporáneo.
Retrato de D. García-Sabell por Manuel Prego pertencente á galería de retratos de presidentes da Academia.
O 6 de novembro de 1977 Domingo García-Sabell Rivas converteuse no oitavo presidente de Real Academia Galega, cargo que exerceu ata o 29 de xuño de 1997. O seu mandato está marcado pola inauguración da nova sede da Academia, a aprobación das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego e o recoñecemento da RAG na Lei de Normalización Lingüística de Galicia como institución encargada de fixar a norma da lingua galega.
Na fotografía obsérvase ao recen nomeado presidente arrodeado por unha nutrida representación dos membros numerarios da Academia. Real Academia Galega. Arquivo
A Lei de Normalización Lingüística de Galicia aprobada en 1983 recoñece a Academia como institución encargada de fixar a norma da lingua galega. Domingo García-Sabell comprendeu a necesidade de reforzar a capacidade da institución para cumprir con esta tarefa, impulsando o ingreso de académicos con formación lingüística especializada e a creación dos seminarios de lexicografía e de sociolingüística.



