Fotogalería Día das Letras
O 25 de xullo de 1933, un Fernández del Riego de vinte anos publicaba en El Pueblo Gallego un chamamento á promover unha Festa do Libro Galego “dedicada á cultura galega, coa emoción, coa intensidade e coa riqueza que tal empresa esixe e merece”. A idea primixenia era máis ambiciosa: “Unha semana cultural que, [...] festexase en cada un dos seus días, unha manifestación distinta do labourar da galeguidade. Que surtindo do Día da Patria, continuase co Día da Lingua, o Día da universidade, o Día da Economía, o Día da Música, o Día do Teatro, o Día do Libro”.
Del Riego entende que cando menos a celebración do Día do Libro Galego sería un medio eficaz para contrarrestar o labor desgaleguizador “d-isa fornada de insolventes que ainda bate as suas derradeiras escumas escontra das rocas inxentes do rexurdimento aitual”.
El Pueblo Gallego. 25/VII/1933, p. 6.
Galiciana.
Trinta anos despois, a teima seguía instalada na cabeza de Del Riego. O 20 de marzo de 1963 acompañan a súa sinatura as de Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo na proposta presentada á Academia de celebración do centenario da publicación de Cantares gallegos, “primeira obra mestra da cultura galega contemporánea”.
Consideraba a proposta que “a Academia —como órgano oficial da nosa cultura— debería consagrar, con caracter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual” e que a mellor forma sería declarar a data Día das Letras Galegas, “data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega”.
Real Academia Galega. Arquivo
Os actos programados pola Academia para a celebración dese primeiro 17 de maio foron modestos: unha ofrenda floral na campa de Murguía e un serán literario na Reunión de Artesanos, no que interviñeron os correspondentes Benito Varela Jácome, Juan Naya e o numerario Fermín Bouza-Brey. Tamén se programou unha visita a Gala Murguía.
Real Academia Galega. Arquivo
Así e todo, a vocación da celebración foi dende o inicio o seu espallamento. “Compriría dálo a conocer en Nota oficial, recabando a colaboración dos centros culturás de Galicia e a de todos os Centros Galegos do mundo, pra percurar o ésito consagratorio da celebración”, dicía o último punto da proposta.
E certo é que o mesmo 30 de abril en que a Academia contacta co Ministerio de Información e Turismo para solicitar o permiso para a celebración por parte da Academia e tamén para calquera outro acto conmemorativo realizado no territorio, comezan a enviarse notificacións informando da nova aos centros galegos do mundo enteiro, ás librarías e centros culturais máis activos na altura.
Os actos da Academia foron modestos, mais a semente prendeu.
Solicitude da Real Academia Galega ao Ministerio de Información e Turismo da conmemoración do 17 de maio.
Real Academia Galega. Arquivo
Ao ano seguinte, a RAG acordou dedicar o 17 de maio á figura e á obra de Castelao, que finara no exilio de Buenos Aires catorce anos antes. A pesar da relevancia que con xustiza lle outorgaba a Academia, en Galicia era grande o descoñecemento que había sobre el debido ao silencio imposto despois de máis de dúas décadas de ditadura franquista.
Nas celebracións, que dende o primeiro momento tiveron un eco importante na presa, lembrouse o Castelao debuxante e escritor, ao mesmo tempo que se evitaba mencionar a súa importante actividade como político nacionalista ou o seu labor no exilio en defensa da legalidade republicana. Dentro o contexto desfavorable no que a censura determinaba o que se podía dicir e o que non, a celebración do Día das Letras dedicado a Castelao abriu unha pequena fenda a través da que foi posible revelar unha parte da súa obra e do seu pensamento.
A Nosa Terra (Buenos Aires), n.º 507, xuño de 1964 (esquerda); Galicia (Buenos Aires), n.º 538, xullo e agosto de 1964 (dereita).
Real Academia Galega. Hemeroteca
Nos anos seguintes completouse a tríade do Rexurdimento: 1965 estivo dedicado a Pondal e en 1967 celebrouse a Curros Enríquez. A parte principal do acto da Academia no 65 foi a conferencia de Francisco Fernández del Riego celebrada na Reunión de Artesanos, onde tamén interveu o presidente da Agrupación Cultural O Facho, Xosé Miguel Harguindey, e houbo un recital de poesía do autor.
En 1967 replicouse a mesma fórmula, mais nesta ocasión Adelardo Curros Irazoqui, neto do poeta e barítono, interpretou varias composicións do seu avó. Na Coruña ademais celebrouse a Feira do Libro Galego.
Real Academia Galega. Arquivo
Se a urxencia da celebración de 1963 non permitiu demasiados preparativos, dende 1964 a Academia editou publicacións divulgativas das figuras homenaxeadas: As cruces de pedra na Galiza, o discurso de ingreso de Castelao, en 1964; o de Gonzalo López Abente, A terra e a poesía de Pondal, e mais Iconografía pondaliá en 1965, Poesías galegas de Añón en 1966, Escolma de poesías galegas, de Curros en 1967 e así sucesivamente.
Real Academia Galega. Biblioteca
Inicialmente a celebración limitábase a actos académicos case que en circuíto cerrado. Porén, axiña foi asumida polo tecido cultural da época, que en gran medida era tamén activismo cívico a prol das liberdades democráticas, a identidade nacional que promovía o galeguismo e a reivindicación do idioma. As librerías sacaban á rúa mesas con libros galegos, pois o libro era o gran protagonista, símbolo de recoñecemento e prestixio.
Feira do libro galego en Santiago de Compostela. 17 de maio de 1977.
Real Academia Galega. Arquivo


