
Esa intelixente decisión permitiu evitar calquera sensación de arbitrariedade, tanto na conmemoración como na instauración dun día, o 17 de maio, que había de marcarse no calendario como o outro gran día de Galicia, comparable en importancia mesmo ao 25 de xullo. Nesa data, chantada no epicentro da primavera, Rosalía asinara, cen anos antes, os Cantares gallegos, coincidindo co aniversario do nacemento de Manuel Murguía, figura central do propio Rexurdimento e primeiro presidente da Real Academia Galega.
Sendo Rosalía unha figura indiscutible, a escolla do seguinte ano (1964) resultaba especialmente significativa. O papel canonizador do Día das Letras Galegas era evidente; nos seus inicios, percorrer as figuras clave servía para alicerzar a propia festividade e construír un panteón de intelectuais e escritores que, ao xeito dos cultos sagrados, cumprían a función que Itamar Even-Zohar, na súa teoría dos polisistemas, definiu como “ben e ferramenta”. Cabía agardar que se completase a tríade do Rexurdimento, como de feito aconteceu pouco despois: dedicouse o día a Pondal en 1965 e a Curros en 1967. Porén, máis alá desa lóxica, a elección de Castelao en 1964 obedecía a razóns sistémicas que aínda hoxe se deixan sentir. O binarismo simbólico entre Rosalía e Castelao maniféstase en sinais tan visibles como que o aeroporto de Lavacolla leve o nome de Rosalía de Castro, mentres que a estación intermodal de Santiago responde ao nome de Daniel Castelao.
Na altura de 1964, aínda baixo o franquismo, dedicar o Día das Letras Galegas a Castelao tiña un fondo significado: era un xeito de facer resistencia política desde o plano cultural, de recoñecer a quen fora non só un grande artista e escritor, senón tamén político, deputado, artífice da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia e símbolo do galeguismo no exilio. Tamén aquí se percibe a dualidade: Rosalía, malia a forza da súa reivindicación, era unha figura de consenso, propicia para asentar a festividade mesmo baixo a ditadura, mentres que Castelao tiña un claro signo político que outorgaba á celebración unha maior significación ideolóxica.
A elección deixou pegada na prensa da época, tanto na nosa terra como no exterior. Na revista Airiños, publicada en Buenos Aires, Francisco Fernández del Riego definía a Castelao como “mito humán” ao dar noticia da consagración deste día á súa figura. Pola súa banda, García-Sabell, nun artigo publicado na Memoria da Casa Galicia de Unidad Gallega (Nova York), dirixíase retoricamente ao propio Castelao: “os fillos da Galicia viva son deudores teus”. O Faro de Vigo recuperou algunhas das súas “cousas” e falou da “veracidade emocionante” dos seus debuxos. A retórica, en suma, apuntaba á consagración de Castelao como grande símbolo do galeguismo, referente dunha Galicia crebada pola violencia da ditadura. No 50 cabodano da celebración, en 2014, a Real Academia Galega publicou un dossier de prensa que deixa constancia da repercusión da homenaxe e do volume de actos que se levaron a cabo. Dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 1964 a Castelao foi un acto consciente para alicerzar a súa posición de privilexio no panteón das letras galegas, cando aínda o seu corpo permanecía no exilio. A Real Academia Galega apuntalaba, así, o lugar singular e principalísimo que lle corresponde nas letras, na cultura e na historia de Galicia.
En 1963 a Real Academia Galega celebrou por primeira vez o Día das Letras Galegas que estivo dedicado a Rosalía de Castro. O ano seguinte a persoa homenaxeada foi Castelao, o que demostra que a Academia recoñecía o rianxeiro como unha figura sobranceira no eido da literatura e da cultura galegas. Mais a pesar da relevancia que con xustiza lle outorgaba a Academia, en Galicia era grande o descoñecemento que había sobre el debido ao silencio imposto despois de máis de dúas décadas de ditadura franquista. Dentro dese contexto desfavorable no que a censura determinaba o que se podía dicir e o que non, a celebración do Día das Letras dedicado a Castelao abriu unha pequena fenda a través da que foi posible revelar unha parte da súa obra e do seu pensamento.
Fonte: Comunicado da Real Academia Galega enviado á prensa para anunciar a celebración do Día das Letras Galegas consagrado a Castelao. Real Academia Galega. Arquivo
O Día das Letras Galegas de 1964 celebrouse en varias localidades do país, aínda que os actos se centraron especialmente en Pontevedra, por ser esta a cidade onde vivira Castelao antes de se ver obrigado a marchar ao exilio. Ao longo de cinco días —do 14 ao 18 de maio— tiveron lugar na cidade do Lérez varias actividades no marco da celebración do Día das Letras: un recital poético con Celso Emilio Ferreiro, Arcadio López-Casanova e Salvador García-Bodaño; a lectura de textos galegos por parte de Xosé María Álvarez Blázquez, Álvaro Cunqueiro e Xosé Filgueira Valverde; unha exposición de libros; unha visita guiada pola obra de Castelao depositada no Museo de Pontevedra; e unha conferencia de Ricardo Carvalho Calero. Porén, non todas esas actividades estiveron centradas en Castelao, pois tanto a exposición de libros como a conferencia de Carvalho Calero tiveron como protagonista o Padre Feixoo.
Fonte: A Nosa Terra (Buenos Aires), n.º 507, xuño de 1964 (esquerda); Galicia (Buenos Aires), n.º 538, xullo e agosto de 1964 (dereita). Real Academia Galega. Hemeroteca
Ademais de Pontevedra, Santiago de Compostela, Padrón e Ferrol acolleron algunha actividade relacionada co Día das Letras e con Castelao. A de maior relevancia foi a conferencia que impartiu en galego Ramón Otero Pedrayo o 16 de maio no Salón Artesoado de Fonseca, co título de “Presenza de Castelao” e na que estableceu paralelismos entre este e Rosalía de Castro. Tamén en Compostela se celebrou o día seguinte unha misa en galego en memoria do homenaxeado. En Padrón, o Día das Letras celebrouse cunha homenaxe a Rosalía e coa representación de Os vellos non deben de namorarse por parte da asociación cultural Cántigas e Agarimos de Santiago. Por último, en Ferrol a celebración limitouse a un programa radiofónico bilingüe, onde membros do coro Toxos e Froles desa cidade falaron sobre Rosalía e Castelao con lectura de fragmentos das súas obras e con actuacións musicais.
Fonte: La Voz de Galicia (A Coruña), n.º 26732, 17/V/1964 (esquerda); La Noche (Santiago de Compostela), n.º 13350, 19/V/1964 (dereita)
Mención á parte merece a convocatoria ese mesmo ano do primeiro Premio “Castelao” de teatro galego. Este foi unha creación da asociación cultural “O Galo” de Santiago de Compostela en resposta á ausencia dunha modalidade en lingua galega nun concurso de teatro universitario convocado polo sindicato franquista SEU. Aínda que o nome escollido para o premio reflectía a importancia de Castelao como autor teatral pola súa obra Os vellos non deben de namorarse, tamén tiña unha forte carga simbólica debido ao papel xogado por el na historia recente de Galicia. Nesa primeira edición, o Premio recaeu na obra Cando morren os faroles, de Ángel de la Peña Carrillo. O fallo do xurado deuse a coñecer o mesmo Día das Letras no decurso dunha cea na que estiveron presentes Ramón Otero Pedrayo e o Presidente da Real Academia Galega, Sebastián Martínez-Risco. Na conclusión do acto Otero Pedrayo evocou a figura de Castelao e cantouse o Himno Galego.
Fonte: El Correo Gallego (Santiago de Compostela), n.º 29183, 19/V/1964
Un percorrido pola prensa revela como foi o tratamento da celebración do Día das Letras Galegas de 1964. En xeral, a maior parte das cabeceiras limitáronse a dar conta, con máis ou menos detalles, dos actos celebrados nas distintas localidades. Ás veces esas noticias ían acompañadas dunha pequena escolma de debuxos ou de textos do rianxeiro, mais só en contadas ocasións algún xornal falou da súa vida ou da súa obra. Un dos que o fixo foi El Progreso de Lugo, que no exemplar do 17 de maio incluíu un breve esquema biográfico e contribucións de Xesús Alonso Montero, Epifanio Ramos de Castro, Manuel María e Xosé Luís Méndez Ferrín, ademais de publicar tamén un fragmento do discurso de ingreso de Ánxel Fole na Real Academia Galega que versaba sobre Castelao e a tradición galeguista. É de salientar a achega de Méndez Ferrín, titulada “Sempre en Galiza”, onde defendía que a produción artística e literaria de Castelao estiveran sempre subordinadas ao seu compromiso co pobo galego.
Fonte: El Progreso (Lugo), n.º 17660, 17/V/1964
Cando a Real Academia Galega decide dedicar a Castelao o segundo Día das Letras Galegas en 1964, ese ano o ditador Francisco Franco cumpría vinte e cinco anos no poder. Os responsables do golpe de Estado, da guerra civil e do exilio de Castelao impuxeran un réxime autoritario e centralista onde non había cabida para as ideas nacionalistas e democráticas que en vida defendera o rianxeiro. Enténdese así que nese contexto político a censura impedise facer públicos moitos aspectos da vida e da obra do homenaxeado. Por iso nas celebracións polo 17 de maio lembrouse o Castelao debuxante e escritor, ao mesmo tempo que se evitaba mencionar a súa importante actividade como político nacionalista ou o seu labor no exilio en defensa da legalidade republicana. Incluso o feito de festexar a literatura escrita en galego podía ser sospeitoso a ollos das autoridades franquistas se non se acompañaba de referencias á “gran unidad española” e aos “25 años de paz”, tal como aconteceu na apertura dos actos polo Día das Letras en Pontevedra.
Fonte: El Pueblo Gallego (Vigo), n.º 14236, 15/V/1964
Como tamén se fai na actualidade, o Día das Letras Galegas de 1964 ofreceu a oportunidade de publicar algunhas obras da persoa homenaxeada. Ese ano a Real Academia Galega deu ao prelo o discurso co cal Castelao ingresara na institución o día 25 de xullo de 1934 e que trataba sobre As cruces de pedra na Galiza. Pola súa parte a Editorial Galaxia realizou unha nova edición de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete. Porén, a publicación máis importante foi o libro Castelao. Escolma posible editado tamén por Galaxia e do que foi responsable Marino Dónega. Nesa obra reuníase por primeira vez unha selección da obra literaria e ensaística de Castelao, dende as primeiras conferencias sobre arte ata o texto de Alba de Groria. No limiar do libro, Dónega recoñecía expresamente as limitacións internas dunha escolma que non incluía a obra plástica. Mais tamén sinalaba implicitamente a existencia de limitacións impostas pola censura franquista que condicionaban a escolla dos textos que podían ser publicados. O libro, de feito, tivo problemas coa censura que retrasaron a súa aparición.
Fonte: Castelao. Escolma posible (Galaxia, 1964). Real Academia Galega. Biblioteca
Coincidindo coa dedicatoria do Día das Letras Galegas a Castelao, ese mesmo ano tiveron lugar dous acontecementos relevantes relacionados co seu legado. Por unha parte, a Real Academia Galega recibiu da sociedade “Aguas de Mondariz de Hijos de Peinador, S. A.” os tres grandes lenzos con temática de cegos que Castelao realizara para o Balneario de Mondariz entre 1913 e 1914. O depósito destas importantes obras de arte logrouse pola mediación do académico Isidro Parga Pondal, quen estaba unido por vencellos familiares aos fundadores do Balneario. Por outra parte, en 1964 Virginia Pereira visita por segunda vez Galicia e chega a un acordo co Museo de Pontevedra para entregar a esa institución varios orixinais do seu finado esposo e para lle ceder os dereitos de todos os materiais de Castelao depositados no Museo a cambio dunha compensación económica.
Fonte: Galicia (Buenos Aires), n.º 540, novembro-decembro de 1964. Real Academia Galega. Hemeroteca
Fóra de Galicia tamén se seguía lembrando a figura de Castelao catorce anos despois da súa morte. En Nova York, para conmemorar ese cabodano, a Casa de Galicia celebrou no mes de xaneiro un acto en memoria de quen fora o seu primeiro socio honorario. Mais era sobre todo en Buenos Aires, cidade onde falecera en 1950, onde anualmente se realizaban actividades para homenaxealo. Como en anos anteriores, en xaneiro de 1964 unha delegación do Centro Galego acudiu ao cemiterio onde estaba soterrado para depositar unha coroa de flores na súa tumba e para dicir unhas palabras en acordanza do “inmorrente Guieiro”. Tamén o Centro Pontevedrés celebrou unha homenaxe na súa memoria e ademais a colectividade galega retransmitiu un programa especial de radio onde falou o presidente da “Sociedad Argentina de Hijos de Gallegos”, Antonio Pérez Prado, para reivindicar un Castelao que fose semente de futuro e non un Castelao convertido en simple recordo rutineiro.
Fonte: Casa Galicia. Unidad Gallega (Nova York, 1964)(esquerda); Orientación Gallega (Buenos Aires), n.º 20, xaneiro e febreiro de 1964 (dereita). Real Academia Galega. Biblioteca e Hemeroteca
Xa case finalizado o ano, en outubro de 1964, o Congreso e o Senado de Argentina aprobaron un proxecto de lei coa proposta de erixir en Buenos Aires un monumento a Castelao nunha praza da cidade que xa levaba o seu nome dende 1960. A iniciativa a prol do monumento comezara en 1961 da man de varios políticos arxentinos de ascendencia galega, principalmente Rubén Blanco, un neto de galegos de Redondela. A Real Academia Galega, coñecedora desa iniciativa, decidira en 1962 enviarlle unha carta de agradecemento ao deputado Blanco “por su iniciativa de que sea erigido en Buenos Aires un monumento a nuestro esclarecido compañero Castelao”. Con todo, a pesar de ser aprobada en 1964, a instalación dese monumento na praza bonaerense non foi unha realidade ata 1977.
Na fotografía recóllese a inauguración do busto que tivo lugar o 31 de xullo de 1977.
Fonte: Orientación Gallega (Buenos Aires), n.º 26, outubro e novembro de 1964 (esquerda); Galicia (Buenos Aires), n.º 613, xullo, agosto e setembro de 1977 (dereita). Real Academia Galega. Hemeroteca
No ano anterior á homenaxe producírase o ingreso na institución de Ánxel Fole, precisamente cun discurso sobre Castelao: Castelao i a tradición galeguista. Uns anos máis tarde, en 1973, outro académico, Marino Dónega, volvería escoller a figura de Castelao para o seu discurso de ingreso: A resignación e maila rebeldía na novela de Castelao “Os dous de Sempre”. En 1964, cando foi homenaxeado, cumpríanse tamén 30 anos do seu propio ingreso na Real Academia Galega, co discurso As cruces de pedra na Galiza, pronunciado un 25 de xullo, día de Galicia, e respondido por Antón Vilar Ponte. Aquel era un tempo de ilusións, dunha xeración de escritores e intelectuais que viaxaran por Europa e soñaran unha Galicia que vería frustradas as súas esperanzas dous anos máis tarde. Dedicar o Día das Letras Galegas a Castelao trinta anos despois daquel ingreso, transcorridos catorce da súa morte, poñéndoo á par de Rosalía, foi un xeito de recoñecer a quen fixera tanto por termar dese soño, a quen xa era e ficaría sempre como símbolo máximo de Galicia.
María López-Sández
Académica numeraria da RAG