-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Toponimia
Galicia Nomeada é unha plataforma colaborativa creada pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia para recoller, xeolocalizar e divulgar a microtoponimia galega. Púxose en marcha a finais de 2019 co obxectivo de recuperar os nomes de leiras, fontes, camiños, regos, montes, penedos, praias e outros lugares que forman parte do noso patrimonio inmaterial. En moitos casos, os seus nomes permanecen só na memoria das persoas maiores, sendo rexistrados e xeorreferenciados mediante as ferramentas dixitais polos seus familiares máis novos. Na actualidade Galicia Nomeada conta con máis de dous mil usuarios rexistrados e mil cincocentos activos.
O proxecto medrou considerablemente desde a súa creación. A finais de 2026, Galicia Nomeada permitía consultar e descargar máis de 540.000 nomes de lugar procedentes do Nomenclátor de Galicia, do Proxecto Toponimia de Galicia e da colaboración cidadá.
Parte do traballo feito en Galicia Nomeada foi aproveitado para a elaboración do Nomenclátor de Galicia 2026, que substituía o anterior, publicado no ano 2003. No ano 2012, a Xunta de Galicia encargoulle ao Seminario de Onomástica da Academia a revisión, corrección e actualización deste nomenclátor oficial tendo en conta as reclamacións recibidas ata ese momento da cidadanía sobre a forma escrita de determinados nomes de concello, parroquia ou aldea e tamén sobre a ausencia de entidades de poboación diferenciadas na listaxe oficial.
O novo nomenclátor inclúe a denominación dos 313 concellos que forman o país, coas súas 3.788 parroquias e os 38.808 lugares ou entidades de poboación. En total, o novo Nomenclátor 2026 está composto por 42.909 topónimos.
Foron modificadas doce denominacións de concello, como as de O Porto do Son, O Castro de Caldelas, A Ribeira de Piquín e Cangas de Morrazo, mudan no novo nomenclátor respecto da versión de 2003. Alén diso, 182 novos ditames corresponden a nomes ou advocacións de parroquias e 2.335 a nomes de lugar ou entidades de poboación. Canto ás incidencias de carácter xeográfico–administrativo cómpre salientar que se deron de alta 1.665 lugares novos.
A colección Terra Nomeada, impulsada pola Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica (AGOn), ten como obxectivo recompilar e estudar os nomes de lugar dos concellos de Galicia para explicar a súa orixe e significado. Os volumes combinan a divulgación toponímica coa información histórica, xeográfica, lingüística e cultural de cada territorio. A colección suma actualmente catorce títulos, publicados entre 2016 e 2025. Os seus autores foron Luz Méndez, Fernando Cabeza Quiles, Paulo Martínez Lema, Xulia Marqués Valea, Xosé Ramón López Boullón, Lidia Gómez Martínez, Andrea Santiso Arias, Alfonso Blanco Quintela e Xosé María Lema Suárez


