-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Inauguración
O 4 de setembro de 1905 celebrouse, na Casa do Consulado da Coruña, o acto de constitución da Real Academia Galega; unha iniciativa impulsada pola Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega da Habana, que foi tamén o seu principal sostén económico. A institución naceu coa vontade de integrar de xeito equilibrado representantes das catro provincias galegas, como se pode comprobar na listaxe dos seus primeiros corenta membros de número.
“Acta de constitución de la Academia Gallega”, 4 de setembro de 1905. Libro de actas da Real Academia Galega (1905-1915), páxinas 3 e 4. Real Academia Galega. Arquivo
O 30 de setembro de 1906, ás 19:30 h, tivo lugar no salón de festas da Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns da Coruña a sesión inaugural da Real Academia Galega, que contou cunha elevada asistencia de público e autoridades.
En primeiro lugar deuse lectura ao Real Decreto no que se aprobaba a constitución da Academia e a unha carta da presidenta de honra, Emilia Pardo Bazán. Continuouse cun discurso de Manuel Murguía e coa memoria da Secretaría. Léronse tamén as cartas recibidas de adhesión, un eloxio de Valentín Lamas Carvajal e o seu poema “Amor de patria”, unha mensaxe da AIP da Habana, un poema de Eduardo Pondal, o discurso “Elogio de la lengua gallega” de Manuel Lago González, a poesía “Galicia” de Barcia Caballero, o discurso “Protesta de Pedro de Padrón” de Leandro Saralegui Medina e un poema de Curros Enríquez. Pechou o acto o alcalde da Coruña, Juan Sánchez Anido.
“Discurso del Sr. Académico presidente”. Manuel Murguía (1906), p. 6. Real Academia Galega. Arquivo
A escritora e membro correspondente, Valentina Lago-Valladares, pseudónimo de Hipólita Moíño, ofrécenos nas páxinas da Revista Gallega a súa crónica desta xornada. Nela, destaca a comunicación da Asociación Iniciadora e Protectora da Habana, as intervencións de Manuel Lugrís Freire, Barcia Caballero, Saralegui Medina, Pondal ou Lago González, e describe a emoción nas palabras e no rostro de Murguía.
"A inauguración da nosa Academia Gallega". Valentina Lago Valladares. Revista Gallega. 606 (28/X/1906), p. 3. Real Academia Galega. Hemeroteca
Entre as numerosas mostras de adhesión recibidas achamos este telegrama do filólogo sueco Göran Björkman (1860-1923) no que podemos ler: "vivat floreat natio galaico" ("que viva e floreza a nación galega").
Karl Jakob Göran Linus Björkman, Göran Björkman, foi un destacado tradutor que mantivo unha estreita relación con Galicia e a súa cultura. No seu libro Genljud fran Hesperien (1896) traduciu ao sueco poemas de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Uxío Carré Aldao, probablemente a primeira versión dun texto galego nunha lingua extrapeninsular.
Telegrama de Göran Björkman (1906). Real Academia Galega. Arquivo
Retrato de Göran Björkman (Anders Wiklund). Svenskt Översättarlexikon
En outubro de 1906 a revista Galicia da Habana publicaba un número monográfico dedicado á inauguración da Academia, onde facía unha crónica pormenorizada da solemnidade. No número recóllense boa parte do discurso do presidente, Manuel Murguía, e a mensaxe enviada pola directiva da AIP da Habana para a inauguración.
Real Academia galega. Hemeroteca


