Fotogalería Portugal
De 1938 data o programa de conmemoración dos centenarios da creación da monarquía de Portugal (1140) e da restauración da Independencia (1640), fito propagandístico do Estado Novo. En Lisboa realizouse a Exposição do Mundo Português e o masivo Congresso do Mundo Português, que tamén contou con seccións celebradas nas cidades do Porto e de Coimbra, e no que participaron 356 investigadores.
Se o 17 de marzo de 1939 se asinaba en Lisboa o Tratado de amizade e non agresión entre España e Portugal, en agosto de 1939 a Real Academia Galega recibía xa un convite oficial para participar neste congreso, ademais da solicitude de colaboración co préstamo de pezas para a exposición. Enviarían traballos para a sección dedicada á pre- e protohistoria, celebrada na Universidade do Porto en xullo de 1940, Xaquín Lorenzo (“O símbolo solar no N. W. da Península”), Federico Maciñeira (“Pedra con inscrições de carácter pré-histórico encontrada en Cedeira”), Jesús Carballo (“Rotal do Império portugués nos tempos pré-históricos”) e Fermín Bouza Brey (“Inscrições rupéstres serpentiformes de Lugo e ofiolatria na Galiza e no Norte de Portugal”). Otero Pedrayo enviou un traballo titulado “Camoes, poeta do mar”, Xesús Carro o relatorio “Os votos de Portugal e o diploma de Ramiro I” e César Vaamonde Lores a comunicación “Reconto e estado no que se achaban as fortalezas e guarnicións das fronteiras galego portuguesas a principios do ano 1773”. Ademais José Leite de Vasconcellos e Julio Dávila, que residía eventualmente en Lisboa nese momento, foron designados para representar a Academia nas conmemoracións.
Tres anos despois a Academia recibía de mans do cónsul de Portugal na Coruña, Henrique de Melo Barreto, a medalla outorgada polo goberno portugués pola colaboración académica nos actos do congreso: unha medalla conmemorativa do VIII centenario da fundación da nacionalidade portuguesa.
O 1 de maio de 1943, nas instalacións da Academia debidamente exornadas “destacando en el testero, con el retrato del Caudillo Franco, las banderas de Portugal y España”, en presenza das autoridades correspondentes, celebrouse o acto de entrega.
Entrega da medalla do VIII centenario de Portugal (1943).
Real Academia Galega. Arquivo e Museo
A ocasión mereceu a edición dun número extraordinario do Boletín da Real Academia Gallega dedicado a Portugal, o 274-276, que incorporaba nas primeiras páxinas o correspondente retrato oficial do xeneral António Óscar de Fragoso Carmona.
Ademais dos discursos proferidos para a ocasión, o BRAG recollía varios artigos de investigación histórica sobre as relacións de Galicia e Portugal; un deles en galego, “Galiza e Portugal n’un libro inglés do 1816”, asinado por R.O.P.
Boletín da Real Academia Galega. Núm. 274-276. Monográfico dedicado a Portugal.
Real Academia Galega. Hemeroteca
O BRAG 274-276 inclúía tamén a nómina dos 21 académicos correspondentes portugueses dese momento, e dos nove xa falecidos, con cadansúa nota bio-bibliográfica.
Por último, o número pechaba cunha breve bibliografía das últimas obras portuguesas recibidas na Academia. As actas da institución recollen a abondosa cantidade de obras que os correspondentes portugueses enviaron á biblioteca da Academia, así como a iniciativa de formar unha sección da mesma dedicada á lusofonía: o denominado “Estante portugués”.
Boletín da Real Academia Galega. Núm. 274-276. Monográfico dedicado a Portugal.
Real Academia Galega. Hemeroteca
No período que nos ocupa aínda ingresarían outros 30 membros correspondentes máis orixinarios de Portugal. Algunhas das novas incorporacións responderon probablemente á busca de facilitadores políticos, tal e como sucede con moitos dos correspondentes galegos e españois deste mesmo período. Mais tamén pasan a formar parte da Academia persoeiros como Teixeira de Pascoes e Manuel Rodrigues Lapa (marzo de 1945), ou Fernando Castro Pires de Lima (febreiro de 1946).
En xullo de 1950 Ángel del Castillo e Xosé Filgueira Valverde desprázanse a Coímbra e a Lisboa en “misión cultural” convidados polo Instituto para a Alta Cultura de Portugal. Ademais de impartiren varias conferencias nestas cidades, os académicos tiñan o cometido de impoñer as insignias de membros de honra e correspondente respectivamente a Gustavo Cordeiro Ramos e António Medeiros Gouvêa, presidente e secretario desa Institución. Gustavo Cordeiro, ademais de catedrático de literatura alemá na Universidade de Lisboa, foi Ministro da Instrución Pública en tres gobernos da Ditadura Militar e nos tres primeiros meses do Estado Novo.
Ángel del Castillo impón a medalla de académico de honra a Gustavo Cordeiro Ramos, 22 de xullo de 1950.
Real Academia Galega. Arquivo
A título persoal, na década de 1950 os nosos académicos participaron en congresos de diferentes disciplinas celebrados en Portugal. Na Academia o celme quedara pousado, xa que por volta de 1951 se pensou na posibilidade de celebrar un acto académico en Braga. Mais ata 1954 non madureceron os termos e as formas: a convocatoria argallouse para os días 29 e 30 de outubro de 1955, datas da celebración da primeira Asamblea lusitano-gallega en Braga, capital da rexión do Miño e do antigo reino suevo, un verdadeiro acto de afirmación da fraternidade cultural galego-portuguesa e que tería continuidade, seis anos máis tarde, na Coruña.
Grupo dos asistentes á Asamblea lusitano-gallega diante da Cámara Municipal de Braga xunto ao seu presidente, Antonio María Santos da Cunha, 29 de outubro de 1955.
Real Academia Galega. Arquivo
A asemblea organizouse en dúas xornadas: a primeira delas concentrou os relatorios divididos en tres sesións e a segunda dedicouse a outras actividades culturais.
Interviñeron Salustiano Portela Pazos, como presidente accidental da Academia; o doutor Sérgio da Silva Pinto; Leandro Carré Alvarellos, cunha memoria sobre os primeiros portugueses membros da Academia; Fernando Pires de Lima, cun traballo sobre o romanceiro galaico-portugués; Sebastián Martínez Risco, que pronunciou dúas conferencias; e Luis de Almeida Braga.
Enrique Chao Espina falou sobre unha revista luso-española; Mário Gonçalves Viana interveu cun discurso titulado “Relações culturais luso-espanholas"; Xaquín Lorenzo sobre a distribución do xugo en Galicia; Ferro Couselo sobre Compostela e a Arca Marmórica; Filgueira Valverde sobre Camões; e Augusto Pires da Lima sobre a cultura galego-portuguesa. Pechou a sesión Ramón Otero Pedrayo cun celebrado discurso.
Sebastián Martínez Risco durante unha das súas disertacións.
Real Academia Galega. Arquivo
Na segunda xornada inaugurouse un monumento conmemorativo no Parque da Ponte con versos de Teixeira de Pascoaes e Eduardo Pondal, e a Academia visitou a cidade de Guimarães, berce de Portugal, e o seu museo arqueolóxico.
As intervencións neste congreso, así como as da segunda edición, que tivo lugar en 1961 na Coruña, foron recollidas nun volume titulado: Primera y segunda asambleas lusitano-gallegas: actas y comunicaciones.
Monumento conmemorativo da asemblea. Portada do volume que recolle as actas da primeira asemblea e da súa réplica celebrada na Coruña.
Real Academia Galega. Arquivo e Biblioteca


