“O Ano Xela Arias foi unha das celebracións máis participativas que lembramos, cunha conexión especial coa xente nova”

A Real Academia Galega clausurou o Simposio Xela Arias cun programa centrado nas achegas da protagonista do Día das Letras Galegas 2021 ao mundo editorial e na relación que sempre procurou entre a poesía e outras disciplinas artísticas. “Xela Arias mantivo un interese permanente polo diálogo creativo con outras artes”, salienta a xornalista Belén López, que debullou na súa intervención as pontes que tendeu co debuxo, a fotografía ou a música. Nesta simbiose tamén se profunda na serie da RAG Xela Arias. A palabra esgazada, da que falou a guionista, María Yáñez, nunha tarde que contou ademais co editor Manuel Bragado e a profesora da Universidade de Vigo Ana Luna. Ambos inciden nas contribucións de Xela Arias á fixación da norma da lingua galega nos anos 80 do século pasado co seu labor como editora e tradutora. 

1/16

A editora Belén López Vázquez, de Baía Edicións, foi a encargada de moderar a sesión que pechou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, quen fai un balance moi positivo das Letras Galegas dedicadas á autora. “O Ano Xela Arias foi para a Real Academia Galega moi intenso e unha das celebracións máis participativas que lembramos, cunha conexión especial coa xente nova. A figura de Xela permitiunos viaxar por rexistros moi diversos na súa personalidade: a poeta, a narradora, a editora, a tradutora, a activista social e cultural, rexistros representativos dun tempo: os anos oitenta e noventa do pasado século”, salienta Víctor F. Freixanes. “Sabemos que a Xela Arias non lle gustaba que a clasificasen con ningunha etiqueta e que a incluísen en xeración ningunha, mais esta é tamén unha característica dese tempo cheo de interferencias, influencias de dentro e de fóra do sistema cultural noso, permeables e receptivas como esponxas: un tempo aberto ao mundo e marcado por unha forte ansia de liberdade”, engade.

Na clausura tamén interviñeron a nai de Xela Arias, Amparo Castaño, e o seu fillo, Darío Gil Arias, que expresaron a súa satisfacción por como foi a celebración das Letras Galegas 2021. "Foi un ano moi especial, primeiro porque foi un recordatorio mesmo para nós de cousas que estaban olvidadas e que agora temos ptresenres, e porque a xente entregouse e fixo cousas moi cariñosas", agradece Amparo Castaño. "Foi tamén un ano necesario para que quede a figura tanto da miña nai como de Valentín [Arias], o meu avó. Estamos ademais contentos de que incluso sirva de guía para futuros anos que teñan o impacto que tivo, por suposto para nós, pero tamén para toda a cultura do país, este ano", engade Darío Gil.

Da Xela Arias editora á tradutora
Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia entre 1994 e 2018, substituíu neste selo a Xela Arias como editor de mesa en 1990, cando a escritora decidiu retomar os estudos. A autora compaxinou a nova etapa vital cos labores de tradución e edición como colaboradora externa das coleccións Universitaria e Biblioteca das Letras Galegas de Xerais. Daquela etapa saíron “numerosas e moi valiosas propostas de tradución avaladas polo seu criterio de lectora”, conta o editor. Destes anos son dous dos seus grandes títulos como tradutora, O derradeiro dos mohicanos (1993), de Fenimore Cooper, polo que recibiu o Premio Ramón Cabanillas, e Drácula (2000), de Bram Stoker.

A traxectoria de Xela Arias como editora foi o eixe do relatorio de Manuel Bragado, unha historia que comeza no propio momento da creación de Xerais, no ano 1980, cando a homenaxeada empezou a traballar como oficinista da empresa. Pouco despois, no ano 1982, o daquela responsable da editorial, Xulián Maure, propúxolle incorporarse ao departamento editorial, dirixido por Luís Mariño. Foi entón cando Xela Arias comezou a desenvolver tarefas de edición de mesa dos textos literarios de coleccións como Ventobranco (poesía), Monte e Fontes (narrativa, viaxe e divulgación), Grandes Mestres, Extramuros e, con especial interese, Xabarín, a primeira de traducións cara ao galego de clásicos da literatura xuvenil. “Xela Arias compartía estas tarefas editoriais coa relación con autores e tradutores, nun contorno literario e editorial entón moi masculinizado, así como coa representación nalgúns actos de presentación de novidades, ou nos debates arredor de cuestións educativas e literarias que convocaba Xerais revolucionando a comunicación editorial”, lembra Manuel Bragado.

De formación autodidacta, Xela Arias mantivo como editora de mesa “unha alta responsabilidade con respecto á calidade da lingua dos textos, sendo as súas interpretacións moi relevantes no proceso de fixación da norma ortográfica de 1983 cos criterios que existían no momento”. “Procuraba na edición dos textos alleos idéntica fidelidade e rigor léxico, sintáctico e ortotipográfico que imprimía cando retorcía a destilaba as frases das súas traducións e dos seus poemas. Aquela rapaza que comezou metendo libros nas caixas convertérase nunha das pioneiras da edición galega, inventando en Galicia o nobre oficio do que fomos continuadores”, conclúe o editor.

Ana Luna detense tamén nas contribucións de Xela Arias ao proceso de fixación da norma a través do seu traballo como tradutora, unha profesión na que medrou igualmente de forma autodidacta e na que foi nos anos 80 “unha pioneira” no labor de verter ao galego obras noutros idiomas. A profesora da Universidade de Vigo analizou no seu relatorio o comportamento tradutivo da autora e o que significaba traducir en Galicia e á lingua galega no contexto en que o fixo. “Naquel momento, a práctica totalidade das persoas que traducían eran escritores, docentes ou críticos homes con competencia en linguas próximas e que alternaban a tradución coa súa actividade principal. Xela Arias asistiu con entusiasmo, pero sen compracencia, á conformación dun novo tempo que avivou as nosas letras e consolidou a historia recente da tradución en lingua galega”, resume a investigadora.

As achegas como tradutora de Xela Arias comezaron en pleno proceso de configuración dun mercado estable para o libro galego que demandaba, entre outros, clásicos da literatura universal, e foron máis alá do propio traballo de tradución, prosegue Ana Luna. “Formou parte da Asociación de Tradutores Galegos, constituída no ano 1984, e participou de xeito activo dende o seu inicio (1995) no consello de redacción da revista galega de tradución Viceversa”, ilustra a profesora.

A artenauta Xela Arias
Belén López Rodríguez pechou a quenda de relatorios cunha aproximación ao interese de Xela Arias por conectar a poesía con outras artes. “O tempo no que lle tocou vivir, fundamentalmente os anos 80 e a denominada movida viguesa, —aínda que ela preferira mostrarse crítica por veces co movemento e esa escena—, son determinantes na súa teima por ampliar os horizontes da poesía. Aí están as súas publicacións nos fanzines, as colaboracións cos artistas gráficos ou pintores e o seu interese manifesto pola música”, contextualiza a xornalista. “Todo encaixa perfectamente no universo dunha creadora que construíu a súa obra sobre a cultura urbana, a desobediencia e a liberdade”, analiza.

Un dos diálogos máis importantes da poeta con outros artistas foi sen dúbida o que mantivo co pintor Xosé Guillermo (1947-2009), creador do termo artenauta que Belén López lle asigna á propia Xela Arias e ilustrador do primeiro poemario da autora, Denuncia do equilibrio (1986). Desta relación dan conta tamén as súas colaboración na publicación GluGlu da Fundición Nautilus, o colectivo artístico vigués posto en marcha por Xosé Guillermo. “O pintor foi ademais fundamental noutro encontro de Xela Arias cun novo creador, o escultor Jandro”, sinala a xornalista, que recorda como a escultura do vendedor de xornais Manuel Castro que fixo acabou durante anos nun almacén pola censura aplicada á portada  e á contraportada que esculpiu, en cuxa versión orixinal se lía o poema “Burla Negra” de Xela Arias.

Belén López tamén se detén na relación artística entre Xela Arias e o fotógrafo Xulio Gil, que lle puxo imaxes ao poemario Tigres coma cabalos (1990). Os dous creadores, que se converterían en parella, coñecéronse no recital colectivo Os poetas de Vigo cantan á súa cidade, organizado en 1988 por María do Carme Krukenberg. As 48 fotografías que dialogan cos 48 poemas de Xela Arias realizáronse ao longo dun ano e medio. “Segundo Gil, comezaron a traballar na idea practicamente dende que se coñeceron. As fotos fixéronse nun estudio que tiña alugado en Teis, todas en branco e negro e sen apenas elementos alleos aos corpos espidos dos modelos, todas as persoas achegadas á parella”, conta a relatora. Unha das figuras que aparece nas imaxes é a da propia Xela Arias quen, segundo lle contou o propio Xulio Gil, aceptou sen sequera pensalo a súa proposta de posar tamén para o libro. “A primeira lectura xeral que se fai do proxecto é fundamentalmente erótica, e que quede reducido a iso molesta os autores”, apunta Belén López.

Esta “simbiose creativa” quedou tamén plasmada na cuberta de Darío a diario (1994), o libro que a poeta lle dedicou ao fillo que tiveron, aínda que non prosperou a idea inicial de incluír imaxes que documentaban o embarazo e o nacemento do cativo. 

Belén López tamén se refire á relación da poesía de Xela Arias coa música, unha ponte que tendeu en distintos momentos, primeiro compoñendo unha serie de letras para a banda Desertores, da que era integrante un amigo da adolescencia; e máis adiante procurando a colaboración de Alberto Conde, Antón Pulido Cid e Fernando Abreu para facer conversar coa música o seu derradeiro poemario, Intempériome.

 

O diálogo de Xela Arias con outras artes é tamén o tema abordado por un dos seis capítulos da serie documental Xela Arias. A palabra esgazada. María Yáñez, guionista da primeira produción audiovisual deste tipo da Real Academia Galega, realizada pola produtora Miramemira, falou no simposio da viaxe á cerna da vida e da obra da protagonista das Letras Galegas 2021 que supuxeron a investigación e os testemuños recollidos para o proxecto. Tamén se referiu ao “desafío de compoñer un retrato polifónico coas voces de amizades, familia, compañeiras do mundo da edición e da literatura, artistas de diversas disciplinas que traballaron con ela, e poetas de nova xeración que se viron influídas pola súa obra”. O resultado é unha serie web “que tivo unha excelente acollida entre o público xeral e nos centros educativos”, conclúe. 

A intervención de María Yáñez deu paso a unha creación audiovisual de síntese da serie, que pode verse íntegra na canle de Youtube da Real Academia Galega

Contidos relacionados

Chus Pato: “Xela Arias sabe como quecer a linguaxe ata facela cambiar de estado físico”

O Simposio Xela Arias arrinca coa ollada ao mundo cotián da muller "loitadora" e "temeraria" que se espiu na escrita

O fillo de Xela Arias abre o simposio das Letras Galegas nunha tarde sobre a súa vida e de poesía recitada

Sección das Letras Galegas 2021