
A Academia estudou a incorporación de canteirán, -á ao Dicionario a pedimento do Celta. “O Seminario de Lexicografía da RAG atende as consultas e comentarios que lle chegan en relación co seu Dicionario, que está ao servizo da sociedade galega. En ocasións, as consultas e suxestións proceden de particulares; outras veces, de colectivos e institucións. Neste caso, recibiuse a proposta de inclusión da voz canteirán por parte do Real Club Celta de Vigo, o que comportou o estudo previo dos significados da palabra canteira aos que aquela estaría asociada”, detalla a coordinadora deste Seminario, María Dolores Sánchez Palomino.
“Tras este estudo relativo ás voces canteira e canteirán -á, acordouse a incorporación ao DRAG de dous novos significados de canteira (‘lugar ou institución de procedencia de persoas talentosas para unha actividade especializada, particularmente no ámbito deportivo’ e ‘conxunto de deportistas que se forman nun mesmo club’, esta última coa marca diatécnica de Deporte) e do lema canteirán –á”, concreta a a académica. “Respecto a canteirán, canteirá, entra no DRAG coa súa dobre condición de adxectivo ([Deportista] ‘Que se formou na canteira do seu club’) e substantivo (‘Deportista que se formou na canteira do seu club’)”, engade Sánchez Palomino.
A escolla dos exemplos de canteirán –á inclúe, na acepción como nome común, unha referencia ao club que propuxo a entrada (Vinte e dous canteiráns debutaron co Celta nos últimos dez anos); mentres que o significado do adxectivo se ilustra con outro exemplo que visualiza a súa forma en feminino (As baixas obrigaron a recorrer a varias xogadoras canteirás).
Os exemplos de canteira fan mención tamén tanto ao contexto deportivo, galego e estatal, coma ao emprego deste termo noutros eidos coma o universitario. Todos eles dan conta da evolución semántica desta palabra cuxo significado primixenio é o de ‘lugar de onde se extrae a pedra’, e que se forma a partir de canto, na acepción de ‘pedra pequena, particularmente a que a erosión tornou lisa e arredondada’, e mais o sufixo -eira, moi produtivo en galego para formar substantivos co sentido de ‘sitio onde abunda algo’.
O uso metafórico de canteira relacionado con persoas talentosas formadas nun mesmo lugar documéntase na prensa galega de hai máis dun século. É o caso d’A Nosa Terra, a publicación periódica das Irmandades da Fala, que nunha das súas páxinas de 1917 a aplicaba para reivindicar deste xeito a aposta pola formación da mocidade do país con talento musical: “[...] Os coros enxebres veñen esprotando a canteira lírica do pobo: desenterrando unha riqueza de cántigas. O día que haxa compositores axeitados pra recollé-las e levá-las á sinfonía e ó poema sinfónico, impoñeránse ó mundo”.


