O académico Xosé María Lema Suárez encargouse da lembranza de Fernando Cabeza Quiles (1953-2026). Na pantalla, obras do colaborador do Seminario de Onomástica para a colección Terra Nomeada
Fonte: RAG
Pola esquerda, na mesa inaugural, Ángeles Tilve, Ana Boullón, Rafael Domínguez e Luz Méndez
O Museo de Pontevedra acolleu a cita anual do Seminario de Onomástica
O coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, presenta a Marilar Aleixandre
A escritora e académica Marilar Aleixandre dedicoulle o seu relatorio á memoria dos "nomes do pequeno" da Choupana, en Compostela, e da súa cartografía persoal de Toba (Cee)
Un dos momentos de coloquio co público
Un momento da lembranza de Fernando Cabeza Quiles a cargo do seu amigo Xosé María Lema
Familiares de Cabeza Quiles con Ana Boullón na primeira fila
Un momento da lembranza de Cabeza Quiles
O irmán de Cabeza Quiles intervén tras a lembranza do colaborador do Seminario de Onomástica
A viúva de Fernando Cabeza Quiles con membros do Seminario de Onomástica e intervenientes na xornada
O catedrático de Xeografía Valerià Paül Carril abordou a historia das comarcas tras a aprobación do Estatuto de Autonomía e o seu futuro
Membros do Seminario de Onomástica entre o público
Un momento da intervención do xeógrafo Valerià Paül Carril
Antón Santamarina intervén nun dos momentos de coloquio
O biólogo Miguel Conde Teira durante a súa intervención, acompañado na mesa por Valerià Paül Carril e o académico correspondente Antón Palacio
Miguel Conde Teira durante o seu relatorio
A profesora Andrea Santiso, colaboradora do Seminario de Onomástica, expuxo a intervención didáctica arredor da toponimia que está a desenvolver no IES Val do Asma
Un momento da exposición de Andrea Santiso
A académica correspondente Luz Méndez, cocoordinadora da xornada, presentou a Andrea Santiso e Lukas Santiago
Lukas Santiago durante a súa intervención sobre a microtoponimia de Lourizán
Lukas Santiago durante a súa intervención sobre a microtoponimia de Lourizán
Un dos momentos de coloquio da XI Xornada de Onomástica Galega
Antón Masa acompañou a Lukas Santiago na presentación de 'Paraíso perdido'
Representantes institucionais e participantes na xornada momentos antes da inauguración
Marilar Aleixandre intervén nun dos momentos de coloquio do encontro
Os topónimos arrepóñense / teiman en seguir vivos / malia non estaren gravados / en metal nin pedra / senón inscritos na memoria. Nestes versos de Marilar Aleixandre concéntrase a arela da Xornadas de Onomástica Galega. A escritora e académica foi unha das voces convidadas da undécima edición, que tivo como obxectivo profundar nas consecuencias da acción humana sobre os nomes da terra, desde a actividade industrial á político-administrativa, e propoñer ideas para contrarrestalas.
As coordinadoras da xornada, a académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez, inauguraron o encontro, celebrado o pasado sábado no Museo de Pontevedra, xunto ao vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve Jar, en representación das institucións que colaboran nesta cita anual que organiza o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
Vídeo da xornada de mañá
O programa contou tamén coa participación do catedrático de Xeografía da USC Valerià Paül Carril, que pronunciou o relatorio “As comarcas na Galiza autonómica: entre a agonía e a resistencia”; o biólogo Miguel Á. Conde Teira, con “Unha viaxe toponímica no tempo en Posmarcos: de 1396 a 2013”; a profesora Andrea Santiso, que expuxo unha intervención didáctica desenvolvida no IES Val do Asma (Chantada); e o arqueólogo, toponimista e profesional do audiovisual Lukas Santiago, que falou sobre a recuperación da toponimia de Lourizán. O público poduido así mesmo ver o seu documental Paraíso roubado, que lle puxo o ramo á xornada e que será presentado polo propio Santiago e o presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa.
Rendéuselle ademais homenaxe a Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada, 1953-Carballo, 2026) cunha lembranza a cargo do académico correspondente Xosé María Lema Suárez. O colaborador do Seminario de Onomástica Galega e membro do equipo directivo da Asociación Galega de Onomástica tiña previsto participar no encontro cunha charla sobre o impacto neste patrimonio inmaterial das areeiras da ría de Arousa. «A toponimia foi a disciplina na que máis destacou. O seu amor pola natureza tivo moito que ver para decantarse por ela. Considero que foi o primeiro en atreverse a sacar en Galicia os estudos toponímicos dos cenáculos académicos dos especialistas e poñelos á disposición do común da xente en publicacións de vocabulario accesible. Non hai quen lle quite o mérito de ser o pioneiro na popularización desta disciplina en Galicia», expresa Lema Suárez.
O compañeiro de angueiras filolóxicas e tamén amigo de Cabeza Quiles destaca ademais a súa «valentía ao entrar de cheo nun tema tan espiñento coma viña sendo o do celtismo galego». «Pero el poñía como probas ancestrais topónimos prerromanos que con certeza consideraba desta orixe», engade.
Vídeo da xornada de tarde
Unha relación vizosa ao longo da historia pero ameazada
A relación entre ecoloxía e onomástica ten una dobre significación, explica a académica Ana Boullón. «A intervención humana é a que dá lugar aos nomes da terra, pero a destrución do medio natural que se produce pola acción humana tamén implica a destrución dos nomes de lugar. Outra vertente deste asunto é o que chamamos colonialismo cartográfico, que se reflicte na Rede cunha deturpación sistemática dos nosos topónimos, que aparecen castelanizados», apunta en referencia a populares ferramentas de navegación ou á Wikipedia en castelán, as cales ignoran as recomendacións do Grupo de Expertos para os Nomes Xeográficos de Nacións Unidas, que propugna a doutrina do nome único, e non respectan os nomes oficiais.
A xornada profundou especialmente nesa primeira vertente, poñendo o foco en distintos exemplos de nomes da terra soterrados pola transformación da paisaxe. «A acción humana sepultou, por exemplo, nomes de aldeas que ficaron asolagadas pola construción de encoros. É o caso de Maiorga (Pantón), no encoro dos Peares; e Mourulle (Taboada), Portomeñe (O Saviñao) ou Castro Candaz (Chantada), no encoro de Belesar, tamén na conca do Miño. Algúns deles sobreviven unicamente como apelidos, último rastro dos núcleos antano habitados», conta Ana Boullón. «Pero os topónimos que están en maior perigo son os microtopónimos, aqueles que nomean leiras, soutos, camiños fontes, penedos e outras realidades físicas que non son entidades de poboación», concreta.
Son aqueles que Marilar Aleixandre prefire chamar «os nomes do pequeno». «Temos unha obriga con eles», advirte. «Malia a desparición dos anacos de natureza que designan, temos o deber de gardar a súa memoria », defende a escritora, que recuperou no seu relatorio exemplos da paisaxe urbana compostelá. «O meu punto de partida é unha batalla perdida: en 2004 intentei preservar algúns dos nomes das 154 leiras mercadas pola cooperativa que construíu 240 vivendas na Choupana nas novas rúas do polígono. Ningún dos tres partidos o apoiou por completo, preferindo nomes como A Milagrosa, Avenida de Bilbao ou Sempre en Galiza. Un dos problemas, creo, é non consideraren con todas as súas consecuencias “cultura galega” a cultura popular, os nomes teimosamente gardados baixo a lingua durante séculos. Non puiden evitar a mudanza polo Concello de Santiago de Compostela do fermoso nome Rúa de Tras Espiñeira polo insulso Avenida de Barcelona», lamenta.
A rúa Espiñeira existe aínda en Santiago de Compostela, malia non ficaren xa na contorna espiños. Outro dos poucos microtopónimos tradicionais conservados na Choupana é Eira da Palleira, pero desapareceu Leiroas, «un diminutivo anterior ao século XI», detalla Aleixandre. A súa intervención abrangueu tamén a microtoponimia da súa cartografía persoal de Toba (Cee), inmortalizada nalgúns dos seus poemas.
Desenterrando a toponimia de Lourizán: dos areos aos cruceiros de Castelao
Lourizán foi outra das paradas propostas nesta viaxe pola ecoloxía e a onomástica. Lukas Santiago, encargado da recolla dos nomes da terra e do mar desta parroquia no marco do proxecto “Chamámonos así” do Concello de Pontevedra, repasou o traballo que realizou contando coa colaboración da veciñanza. Foi, sostén, «unha maneira máis de tentar saldar a miña eterna débeda persoal coas miñas raíces». «Para a toponimia do litoral de Lourizán, os meus informantes principais foron a miña nai e o meu avó, pero tamén consultei outras mariscadoras que coñecía», sinala.
A ruta que propuxo o realizador e arqueólogo percorre, entre outros, nomes de diversos elementos propios da paisaxe costeira. E o caso dos que designan areos (grandes acumulacións de area que son criadeiros naturais de ameixas e beberechos), que sufriron transformacións nas últimas décadas polo cambio nas correntes producidas polos recheos do porto de Marín. O máis grande era o Areo de Pau. Afectado primeiro pola instalación da celulosa na ría de Pontevedra, posteriormente foi dragado en parte para facer o recheo da mesma fábrica, o que provocou a aparición —indica— de perigosos pozos que tamén serían sinalados con nomes propios. Ou o caso das pedras e cons, como As Pedras Carneiras, que constituían un viveiro natural e que, segundo os testemuños das mariscadoras entrevistadas, eran o punto de maior riqueza de todo o banco marisqueiro dos Praceres. Esas pedras foron usadas como cimentación das chimeneas da celulosa.
Os efectos da construción do tren ao porto de Marín ou da coñecida popularmente como Autovía de Marín (PO-11), ou A Avenida para a veciñanza de Lourizán, son outras das pegadas das infraestruturas industriais e civís que estudou Lukas Santiago. No seu relato recóllense tamén exemplos de onomástica persoal, como o alcume de Manuel Rey, Failobos (en referencia ao mañoso que era), propietario dun viveiro de bivalvos e dunha casa de baños que tivo entre os seus hóspedes a Castelao. «Aínda sobreviven na memoria oral da parroquia as temporadas que pasaba na pensión coa súa familia, nos anos 20. Segundo se conta, ao seu fillo Alfonso Jesús, que estaba enfermo (morreu en 1928 con 14 anos), os médicos recomendáranlle os baños de mar. Era habitual ver a Castelao debaixo da parra que había diante da pensión, debuxando e escribindo. É de supoñer que foi nese tempo cando debuxou os cruceiros de Lourizán e Cantodarea que logo incluiría na súa obra As cruces de pedra na Galiza», suxire Lukas Santiago.
Tras o relatorio de Santiago, proxectouse o documental Paraíso roubado (2017), producido, baixo a súa dirección, pola Asociación pola Defensa da Ría. O filme constitúe un exercicio de memoria arredor de Lourizán que conta entre as súas fontes coas mariscadoras de máis idade, ás que Lukas Santiago sempre lles preguntaba nas entrevistas polas toponimia da zona.
A Pobra do Caramiñal
O biólogo Miguel Conde Teira levou o público ata un recuncho da Pobra do Caramiñal. A súa achega á XI Xornada de Onomástica Galega centrouse na evolución de microtopónimos dos límites da parroquia de Lesón, a partir dunha comparación entre documentación copiada tardiamente dun orixinal do século XIV e a microtoponimia oral do século XXI. «As mudanzas na toponimia son debidas a cambios na ocupación do territorio, probablemente tamén a cambios de propiedade e, neste caso con certeza, a mudanzas ambientais derivadas do aproveitamento agrícola e procesos de urbanización. Boa parte dos límites permaneceron case inmutables, salvo pola presenza de novos elementos como cruceiros ou a ausencia doutros, por exemplo pedras. Nos aspectos puramente lingüísticos as transformacións son debidas basicamente a derivas internas do galego local», resume Conde Teira.
Coma en edicións anteriores, o encontro tamén tivo espazo para a aplicación pedagóxica da disciplina que estuda os nomes propios. Andrea Santiso, profesora de Lingua Galega e Literatura no IES Val do Asma, colaboradora do Seminario de Onomástica e secretaria da Asociación Galega de Onomástica, expuxo a proposta didáctica centrada na microtoponimia que está a desenvolver con alumnado de 2º da ESO deste centro chantadino. «Estamos creando un corpus dos microtopónimos das terras das súas propias familias e tamén reflexionamos sobre o impacto que poden ter sobre eles as industrias extractivas. A microtoponimia permite, neste sentido, traballar desde moitas pólas do coñecemento, e o proxecto conta nesta parte coa colaboración dun compañeiro do departamento de Xeografía e Historia», considera.
Os nomes das comarcas na Galicia autonómica
O programa non só atendeu os nomes do pequeno. O catedrático de Xeografía Valerià Paül Carril, especialista en ordenación territorial, analizou o caso do mapa das 53 comarcas que se definiu na Galicia autonómica. Non foi ata 1997 cando se aprobou oficialmente dita división, nun decreto que —sostén— coñeceu escaso desenvolvemento e agora é cuestionado polo proxecto da nova Lei de Administración Local, que tras ser aprobado no Consello da Xunta de Galicia iniciará a tramitación parlamentaria. «O texto non menciona as comarcas, e como non están enténdese que deixarán de existir de maneira oficial. Na práctica o sistema comarcal desempeñou un rol basicamente simbólico e axiña se desmantelou, xa nos primeiros dous mil. Mentres o marco mental estea na división provincial, vai ser moi difícil que as comarcas teñan vida a nivel administrativo», analiza.
Outra cousa é o futuro que poidan ter as comarcas no imaxinario colectivo ou na práctica social. «Coido que as comarcas seguirán existindo na medida en que socialmente se precisen. Poderán chamarse ou non oficialmente comarcas, pero os topónimos que teñan funcionalidade penso que seguirán a empregarse», valora o profesor. Advirte nese sentido que o mapa comarcal de 1997 se basea en boa medida en áreas de mercado tradicionais de acordo co sistema de vilas cabeceira comarcais que, coas mudanzas das últimas décadas, xa non operan en ocasións como tales. Pero ese sentido práctico que se agarda das delimitacións comarcais e dos seus nomes pode ter continuidade —propón— en novas fórmulas de cooperación entre administracións locais que forman parte dunha mesma realidade de relacións funcionais, identitarias ou paisaxísticas como os consorcios intermunicipais, os xeodestinos ou os grupos de desenvolvemento rural.
«A Mancomunidade do Barbanza é un exemplo perfecto. Non segue o mapa comarcal de 1997 pero ten moita relevancia na xestión territorial actual. É interesante tamén reparar no que son casos prácticos de neotopónimos como A Ribeira Sacra ou a Costa da Morte, que tampouco figura no mapa comarcal tradicional pero que funcionan como marca turística e mesmo, noutros sentidos, moi enraizados xa no territorio», engade o xeógrafo.
Valerià Paül lembra en calquera caso que o mapa comarcal aínda en vigor se construíu seguindo criterios dispares segundo a zona. «Tabeirós-Terra de Montes constitúese con dous topónimos. O primeiro vén polo menos do mapa de arciprestados da diocese compostelá e consta en mapas comarcais como o do xeógrafo Antonio Fraguas realizado nos anos 50. Canto ao nome da comarca tradicional de Terra de Montes, este tiña un significado completamente distinto ao que se lle deu na división de 1997, que é moito máis limitado. Refírese orixinalmente en realidade a todo o arco das serras que quedan preto do mar no suroeste do país, na dorsal meridiana galega, no que sería un exemplo de comarca identitaria e paisaxística moi enraizada, que, por certo, tamén estaba recollido nos mapas internos das dioceses de Tui e Santiago», exemplifica.


