Guía de apelidos galegos

As bases para a estandarización da ortografía, morfoloxía e léxico da lingua galega están ben establecidas desde a publicación das Normas (1982, 2003), no que atinxe aos dous primeiros aspectos, e o Dicionario da Real Academia Galega (2004), no que toca ao elenco das formas léxicas. Agora ben, a antroponimia, e especificamente os apelidos, presenta unhas características especiais que deben ser consideradas na proposta das normas para a súa regularización ortográfica e morfolóxica.

O criterio xeral será a adaptación á norma gráfica actual, tanto no que respecta á utilización dos grafemas como a segmentación de palabras ou á acentuación. Agora ben, a antroponimia pode seguir uns criterios menos ríxidos ca o léxico común, da mesma maneira que o fai a toponimia, co fin de manter as variantes que se foron fixando ao longo dos séculos.

De xeito que, nos casos en que as formas de apelidos son xenuinamente galegas e non se viron afectadas polo castelán, respectarase a súa variabilidade. As pautas xerais, que se presentan a seguir, foron expostas con máis detalle no Boletín da Real Academia Galega 370 (2009).

1. Adaptación gráfica ás normas do estándar

1.1. O uso dos grafemas actuais é obrigado nos seguintes casos:

  • grafema <x> para o <j> ou <g+ e, i>. Actualmente estas últimas grafías poden aparecer nos apelidos tanto en formas que presentaban <j, i, g> na época medieval (vallan de exemplo Feixoo, Araúxo, Xestoso, Xaneiro, Xusto, Toxo, Xuíz etc.), coma nos que daquela xa tiñan grafía <x> (Teixeiro, Ximénez, Seixas, Requeixo).

    A utilización destas grafías <j> ou <g+ e, i> en calquera deses casos débense ao castelán, non á continuidade das grafías históricas e implica a pronuncia do fonema castelán /x/ (fricativo velar xordo, coma no español caja), no canto do /∫/ (postalveolar, coma no galego caixa).

  • <i> para o antigo <y> como vogal non nuclear (Rei, Noia, Naia, Gaioso, Maio, Romai etc.). A conservación do grafema orixinario, se ben cando é semivogal non produce cambio de pronuncia, si pode introducir un fonema diferente cando vai en posición intervocálica. Por iso, aínda que se trate dun grafema con tradición medieval, por ser alleo ao actual sistema gráfico do galego, estas formas antigas non se poden admitir como estándares.

1.2. Se o apelido non se axusta ás actuais normas ortográficas, pero o cambio de grafema non supón cambio fonético, a actualización ortográfica é aconsellable, aínda que non obrigada. Hai que ter en conta que en moitos destes casos o cambio gráfico veu impulsado en certa maneira pola castelanización, que uniformou formas sen ter en conta a palabra galega da cal o apelido deriva.

  • <b> e <v> etimolóxicos. Escríbense con b, por exemplo, Baamonde, Nabeira, Bieites, Biqueira, Beiras; e con v: Vello, do Vao ou Dovao, do Val ou Doval, Corvacho, Vasalo, Covas.
  • <h> etimolóxico. Non o tiñan nos étimos respectivos os apelidos Ermida, Ermo, Ervella, Baamonde, Ombre etc.

1.3. Aceptación excepcional de grafías arcaicas.

En certo número de casos mantivéronse en parte as grafías medievais, coa representación de dúas vogais iguais como resultado da caída dun -n- ou -l- intervocálicos, como é o caso de Boo ‘bo’, Rioboo, Saa, Saavedra, Caamaño e outros.

2. Segmentación de palabras

O caso máis abundante é o dos apelidos que levan soldado o nexo preposicional co artigo. A maior parte deles son formas que proceden de topónimos e que se soldaron graficamente, razón pola cal conservaron o nexo preposicional + artigo. En realidade, o nexo comezou a perderse neste tipo de apelidos xa dende a Idade Media, de maneira que hoxe se rexistran sen rastro da contracción (Silva, Vila, Fonte, Campo, Rego), con soldadura gráfica (Daviña, Davila, Dafonte, Dorrego, Doval) ou separadas (da Silva, da Cruz, da Cuña, do Campo, do Souto). Calquera destas formas son admisibles.

3. A variación dialectal

Igual ca na toponimia (Nomenclátor de Galicia 2003), respéctanse as variantes dialectais, pois todas elas son formas propiamente galegas. Así pois, pode haber duplas solucións, coma nos casos seguintes: Fontán/Fontao, Louzán/Louzao, Morás/Morais, Casás/Casais, Currás/Currais, Pedrouzo/Pedrouso, Eiriz/Eirís, Eiras/Airas, Fol/Fole, Val/Vale etc.

4. Restitución de formas castelanizadas

A pesar do proceso sociolingüístico que someteu os nosos apelidos á castelanización escrita desde o século XVI, calcúlase que o total das formas castelanizadas é aproximadamente só o 16%. Non é moito con respecto a todo o conxunto dos apelidos, pero afecta a algúns dos máis frecuentes, co cal o seu impacto social é maior. Trátase, por unha banda, de restituír formas galegas que deron lugar a híbridos lingüísticos (*Teijeiro, *Seijo, *Sotelo, *Goyanes, *Atanes ou *Bustabad no canto das xenuínas Teixeiro, Seixo, Soutelo, Goiáns, Atáns ou Bustabade). Os apelidos que proceden de topónimos xa presentan a forma estándar no Nomenclátor de Galicia, que constitúe o modelo para restaurar esas formas deturpadas. Noutros casos son traducións ao castelán de apelidos (como ocorreu con Martís, Afonso ou Lourenzo) ou de formas léxicas (Neto, Dourado, Romeu, Mosqueira, Vilar etc.). Débese ter en conta que, nestes últimos casos, a forma castelá só en moi contadas ocasións corresponde a apelidos de persoas procedentes de fóra de Galicia, porque, como nos demostra a documentación, a inmensa maioría das veces son castelanizacións de formas galegas orixinarias. Moitas veces, aínda que non consta na documentación oficial, existe constancia do mantemento na oralidade do apelido galego, coma se fose alcume familiar (como Outeiro, Martís), mentres que nos documentos oficiais constan as formas castelanizadas (Otero, Martínez).

Información nas necrolóxicas da vitalidade das formas xenuínas dos apelidos galegos.
(Fonte: Internet).

É importante, xa que logo, ter presente que non se trata de traducir formas castelás, senón de restituír as formas xenuínas que foran deturpadas nos rexistros escritos.

Os máis buscados
Esta semana Este mes

Co apoio da