Guía de apelidos galegos

Este recurso constitúe unha ampliación e revisión da guía Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización, publicado pola Real Academia Galega en 2016, de libre descarga na súa web, con 1.500 formas. Agora ponse ao dispor do público en xeral a relación das formas estándares de máis de 6.000 apelidos, o que corresponde aproximadamente ao 95% da poboación galega.

O elenco procede do Dicionario dos apelidos galegos, obra dun equipo formado por Ana Boullón, Luz Méndez, Gonzalo Navaza e Antón Palacio, membros do Seminario de Onomástica da Academia, que nestes momentos está en fase de revisión. Baséase na Cartografía dos apelidos de Galicia (CAG), posta en liña en 2006, promovida pola Real Academia Galega co gallo do seu centenario e con datos do censo do INE de 2001.

Información que se fornece:

  • Forma estándar do apelido.
  • Forma non estándar coa equivalencia.
    Neste caso pode responder a alteracións unicamente gráficas, sen repercusións na pronuncia (*Rivas/Ribas), a outras que afectan aos sons (*Feijoo/Feixoo) ou ás terminacións (*Triñanes/Triñáns), ou a outras que son traducións ao castelán da forma galega (Igrexas ou EirexasIglesias).
  • Formas alteradas que corresponden a dúas formas estándar, segundo o topónimo de procedencia.
    Bujeiro/Bugeiro tanto pode ser unha modificación de Buxeiro coma de Bugueiro.
    Recomendamos dirixirse directamente á Academia para determinar a forma que corresponde a cada orixe xeográfica.
  • Formas alteradas que ofrecen dúas ou máis formas estándar.
    Fructuoso pode corresponder a Froitoso, Fruitoso ou Frutuoso, todas elas presentes na nosa tradición.

Por que cómpre? Un pouco de historia

Os apelidos constitúen un elo que nos vincula directamente coa nosa estirpe, isto é, coa familia da nai e a do pai e, ao mesmo tempo, forman parte dun patrimonio inmaterial que nos fala da nosa historia como pobo, pois os apelidos non xorden do nada, senón que están tomados dun conxunto léxico que se remonta, polo menos, á Idade Media. Foi daquela cando se comezaron a fixar como segundos nomes uns elementos que —nun principio cambiantes de xeración en xeración e despois hereditarios— se foron transmitindo ata os nosos días: os apelidos patronímicos (que hoxe rematan maioritariamente en -ez, como Méndez, Estévez, Fernández, e algúns en -s, como Pais, Martís), os que proceden de alcumes (profesionais, como Ferreiro, ou referidos a características dos portadores: Calvo, Crespo, Ledo, Roxo, Preto, Louzao, Garrido…) e os que mencionan o lugar de residencia ou procedencia da persoa (Outeiro, Chao, Pena, Piñeiro, Xestal, Pazos…).

Estes tres tipos de apelidos manifestan, pois, un tipo de relacións familiares, socioeconómicas, xeográficas e persoais que están na orixe das que rexen hoxe a nosa vida colectiva. Mais a forma en que se nos transmitiron algúns deles tamén nos está a documentar da tentativa de aculturación que sufrimos como pobo desde o remate da Idade Media a través do proceso de castelanización. Como se sabe, desde principios do século XVI o galego foi desprazado na escrita como lingua instrumental nun prazo de tempo relativamente curto. Unha das razóns foi a estipulación das Cortes de Toledo de 1480 de que, de alí en diante, non se concedería título de escribán sen exame e sen licenza do Real Consello; a partir de aí os notarios e escribáns víronse na obriga de aprender novos formularios en castelán e pasaron a redactar toda a documentación nesa lingua.

Bartolomé Preto e Margarida Preta, 1568 ACS. Mantemento do apelido Preto na documentación galega.
Hoxe, Preto < 10, Prieto (cast.) 14.568 (CAG).

Unha das consecuencias foi que os nomes propios, tanto topónimos coma antropónimos, comezaron a ser modificados para asimilalos á lingua imposta. Cando se empezaron a xeneralizar os rexistros (relixiosos primeiro e despois os civís), esta práctica non se seguiu de xeito uniforme, senon que causou máis efecto nos nomes propios ca nos apelidos, que xa eran hereditarios. En realidade, modificalos ou respectalos dependeu en boa medida da vontade do escribente ou da institución: algúns sufriron en maior medida o proceso de deturpación. Existe constancia escrita destes feitos en documentos en que o nome ou o apelido aparece na súa forma correcta e, algo máis adiante, coa forma castelanizada (así con Outeiro/*Otero, Afonso/*Alfonso, Regueira/*Reguera e outros). Por tanto, a abundancia de apelidos como Otero ou Alonso en Galicia, aínda que coinciden coas formas correspondentes castelás, non se debe, na súa maior parte, a apelidos casteláns asentados no país, senón a transformacións que sufriron os orixinariamente galegos.

Taresa de Otero ~ Outeiro, 1566 ACS. Alteración de Outeiro na documentación.
Hoxe, Outeiro 341, Otero (cast.) 42.667 (CAG).

Coa recuperación da democracia, no último terzo do século XX, atopamos un panorama diverso na situación da onomástica. Por unha parte, a toponimia sufría un grao alto de deturpación nos nomenclátores oficiais e nos documentos administrativos, pero, na inmensa maioría dos casos, conservábase na lingua oral. Na Lei de normalización lingüística (1983) recoñécese que a única forma oficial dos topónimos é a galega, e unha das primeiras tarefas foi a confección dun novo nomenclátor que recolleu a toponimia tradicional e a adaptou ás normas da lingua galega, o Nomenclátor de Galicia en 2003. A recuperación e estandarización da toponimia foi ben recibida pola comunidade e non tivo máis atrancos ca algunhas resistencias por parte de certos sectores refractarios á normalización da lingua.

A situación da antroponimia era diferente. O corpus dos nomes propios estaba castelanizado na súa inmensa maioría, ben que axiña comezaron a aparecer nomes especificamente galegos, que non paran de medrar no censo desde aquela. Polo que respecta aos apelidos, a pesar de tantos anos de intentos de castelanización, esta só os afectou nun certo grao: non chega á quinta parte, pero atinxe algunhas formas moi frecuentes, polo que ten bastante visibilidade. Ademais, dáse o paradoxo de apelidos castelanizados procedentes de topónimos recollidos no Nomenclátor coa súa forma correcta: atopamos así formas híbridas que non son galegas nin casteláns como *Seijas, que procede do nome de lugar Seixas, ou *Lage, de Laxe, *Figueroa de Figueiroa, *Noya de Noia e moitos outros.

Maria dos Billares ~ dos Vilares, viúva de Afonso dos Vilares a.1577 ACS. Alteración de Vilares na documentación.
Hoxe: Vilares 537 – Vilares 1.291 (CAG).

Como esta parte da onomástica persoal non pode ser regulada polo dereito público, pois pertence ao dereito privado, han ser os propios particulares os que procedan á restitución dos seus apelidos ou á tradución dos seus nomes propios. A reforma de 1999 da Lei do rexistro civil (Lei 40/99, de 5 de novembro) permite mudar a forma dos apelidos para «regularizalos ortograficamente cando a forma inscrita no Rexistro non se axeite á gramática e fonética da lingua española correspondente», mediante un sinxelo trámite. Pódese ver máis información na II Xornada de Onomástica de 2017 organizada pola RAG. É a Administración, non obstante, a que debería facilitarlle este trámite a cidadanía, informándoa das actuacións que cómpren e de cal é a forma estándar do seu apelido. Así poderá exercer o seu dereito ao uso da forma normativamente correcta dos seus apelidos.

Mantemento de apelidos galegos na documentación histórica (Oia). 1626 (AHN).
Hoxe: (da) Granxa Ø, (de la) Granja 870; Igrexa, Eirexa Ø, Iglesia 2.220 (CAG).

Coa relación que aquí se presenta, aprobada pola Real Academia Galega —que é, por lei, a institución responsable dos aspectos normativos da lingua galega—, quéreselle facilitar ao funcionariado dos Rexistros un elenco de formas estándares. Ademais, inclúese unha equivalencia das formas castelanizadas coas súas galegas correspondentes.

En definitiva, preténdese avanzar nun aspecto tan importante da normalización lingüística como é o dos apelidos, que nos identifican como persoas e como pobo.

Os máis buscados
Esta semana Este mes

Co apoio da