Na viraxe do século

  • Francisco F. del Riego (1997-2001)

Os catro anos de presidencia de Francisco Fernández del Riego, entre 1997 e 2001, supuxeron unha importante renovación da Academia. Durante este período a RAG reforza a súa vontade de servizo ao país e ábrese a participar nos debates do seu tempo, á vez que publica o segundo gran dicionario monolingüe, aínda en papel. Tamén se retoma a publicación do Boletín, suspendida desde 1980.

Francisco F. del Riego

Despois da aprobación dos novos estatutos —ata daquela aínda estaban vixentes os fundacionais, aprobados en 1906— asume a súa condición de academia da lingua galega. Nos novos estatutos aprobados en 2000, a RAG define o seu papel como entidade reguladora da norma lingüística e establécese a súa estrutura, funcionamento e obxectivos. No seu preámbulo ofrécese a seguinte explicación:

A función da Real Academia Galega mudou nestes case cen anos. A RAG ten a obriga moral e cultural de constituírse nun futuro nunha institución centrada no idioma galego; razón pola cal os membros que a constitúan deberán provir, en boa parte, das disciplinas lingüísticas e literarias, se ben a Academia deberá ter no seu seo persoas moi relevantes noutros saberes.

Así, conforme establecen estes novos estatutos, a Academia reorganízase en tres seccións: de Lingua, de Historia e de Literatura. Dentro da primeira, ademais dos Seminarios de Lexicografía e Sociolingüística, créanse os Seminarios de Gramática e de Onomástica. O primeiro está encargado de redactar unha gramática de referencia do galego, complexa tarefa que na actualidade está a punto de ser culminada. O segundo ten ao seu cargo a revisión do Nomenclátor de Galicia, que establece a denominación oficial dos concellos e das entidades de poboación do noso país, que atinxen unha cifra extraordinariamente elevada.

O galego ten hoxe un estándar ortográfico e gramatical único, estable e suficientemente consolidado, codificado pola Academia coa colaboración do Instituto da Lingua Galega. As normas facilitaron moito o seu ensino masivo e a intensa produción cultural. A lingua propia de Galicia, presente tamén nos medios de comunicación, está hoxe estudiada, prestixiada e difundida internacionalmente grazas ao traballo altamente especializado de numerosas persoas.

Liña do tempo

1997

  • Publicación en papel do Dicionario galego monolingüe da RAG
  • Creación do TERMIGAL, en parcería co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

1998

  • Creación das Seccións de Historia e Literatura
  • Ingreso de Xosé Luís Franco Grande.

2000

  • Aprobación oficial dos novos estatutos.
  • Retómase a publicación do Boletín da Real Academia Galega suspendida desde 1980.
  • Creación do Seminario de Gramática.

2001

  • Creación do Seminario de Onomástica
  • Ingreso de Xohana Torres e Xosé Neira Vilas.

Renovación e apertura

A reorganización. Novos estatutos

Ingresos

Día das Letras Galegas

Lexicografía. Onomástica. Boletín