Mudan os tempos
- Domingo García-Sabell (1977-1997)
Na longa presidencia de Domingo García-Sabell salientan diversos feitos de importancia histórica. Para comezar, en 1978 establécese a sede propia da Real Academia Galega no edificio que fora domicilio coruñés da escritora Emilia Pardo Bazán, doado á RAG polas súas herdeiras, e que foi rehabilitado segundo o proxecto do arquitecto e académico Andrés Fernández-Albalat.
En 1982 apróbanse as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, en sesión conxunta co Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela, que tivo un papel fundamental na súa elaboración. A Comisión estaba formada por Ramón Piñeiro, Carlos Casares e Andrés Torres Queiruga por parte da RAG e por Ramón Lorenzo, Antón Santamarina e Rosario Álvarez por parte do ILG, co concurso de Francisco Fernández Rei, Manuel González González e Xosé Xove Ferreiro. Estas normas foron oficializadas por decreto da Xunta de Galicia, asinado por Xosé Filgueira Valverde na condición de conselleiro de Cultura.
A Lei de Normalización Lingüística, aprobada polo Parlamento de Galicia en 1983, estipula na súa disposición adicional: “Nas cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega, estimarase como criterio de autoridade o establecido pola Real Academia Galega. Esta normativa será revisada en función do proceso de normalización do uso do galego”. Deste xeito, a RAG é recoñecida oficialmente como academia da lingua galega. Nas décadas seguintes iranse incorporando ao seu seo un feixe de lingüistas, a comezar por Constantino García, fundador e director do ILG.
Para cumprir o seu cometido neste ámbito, a RAG vai creando sucesivos seminarios, a comezar polo Seminario de Lexicografía (1983) e o Seminario de Sociolingüística (1990). No seo daquel elaboraríase o primeiro dicionario monolingüe da RAG, e o segundo sería encargado da realización do Mapa Sociolingüístico de Galicia, entre outras achegas, unha investigación de significación histórica que permitiría debuxar con moito detalle e nitidez a problemática situación sociolingüística do idioma galego.
“A lingua normativa ten que estar ao servizo da cultura dun pobo real e concreto, e por tanto ha de ser necesariamente continuadora da lingua falada pola comunidade e ha de achegarse canto sexa posible a ela, a fin de enraizar sobre bases seguras e vivas. Para que estas bases sexan efectivamente sólidas, a norma debe acoller un galego fiel a si mesmo e limpo de canto de alleo innecesario hai incrustado na fala viva pola presión do castelán. A lingua común debe ser o máis galega posible, establecida sen sometementos nin dependencias, con atención escrupulosa á estrutura e características lingüísticas do galego”. (do preámbulo das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, 1982)
Liña do tempo
1977
- A Real Academia Galega solicita a oficialidade da lingua galega.
1978
- Ingreso de Carlos Casares.
1979
- Inauguración da nova sede na rúa Tabernas.
1982
- Aprobación das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego.
- Ingreso de Constantino García.
1983
- Aprobación da Lei de Normalización Lingüística.
- Creación do Seminario de Lexicografía.
1988
- Primeira convocatoria dos Cursos de Verán de Lingua e Cultura Galega.
1990
- Creación do Seminario de Sociolingüística.
- Comezan a publicarse os Cadernos de Lingua.
1992
- Ingreso de Salvador García-Bodaño.
1994-1996
- Publicación dos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia.
1996
- Ingresos de Luz Pozo Garza e de Xesús Ferro Ruibal.
Bibliografía
- Alonso Montero, Xesús (1987). Un obreiro, Curros e a Academia. En: Curros Enríquez. Crebar as liras. A Nosa Terra. A nosa cultura, 9. Vigo: Promocións Culturais Galegas, 19-20.
- Alonso Montero, Xesús (1988). Prehistoria da Academia Galega. Á procura da norma culta de 1875 a 1905. Grial. 99, 8-18.
- Alonso Montero, Xesús (1991). O día en que se inaugurou a Academia Galega: o problema da(s) lingua(s). En: Mercedes Brea e Francisco Fernández Rei, coords. Homenaxe ó profesor Constantino García. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, t. II, 7-18.


