Xosé Ramón Barreiro, membro de honra da Academia Xacobea

O historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, membro de número e ex-presidente da Real Academia Galega, foi elixido membro de honra da Academia Xacobea. A entidade celebrou onte o acto de apertura das súas actividades nunha cerimonia no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela na que se deu a coñecer a relación de novos académicos, que tomarán posesión dos seus cargos en vindeiras sesións.

O académico Xosé Ramón Barreiro Fernández. Autor: Xosé Castro / RAG


O presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, foi o encargado de anunciar os nomes dos novos membros desta institución. Xosé Ramón Barreiro Fernández ingresará como académico de honra, un recoñecemento que tamén se lles outorga a outras dez persoas. Na mesma sesión confirmouse o ingreso de catorce novos membros de número e cinco correspondentes.

Marcelino Agís, vicepresidente da Academia Xacobea, abriu o acto cunha conferencia sobre a peregrinación como fenómeno universal.