Xosé María Lema Suárez, nado na parroquia vimiancesa de Bamiro en 1950, é autor de numerosos estudos sobre a arquitectura tradicional, a historia e a lexicografía propias da Costa da Morte, e forma parte, así mesmo, do Seminario de Onomástica da Academia.
De Costa do Solpor, o seu primeiro traballo de ficción, unha novela de aventuras ambientada nunha bisbarra da Galicia costeira do século XVIII, o xurado salientou que "asume diversos modelos narrativos cunha ampla documentación histórica e un rexistro lingüístico rico, poñendo en valor os territorios literarios vinculados co mar".
No resto de categorías, os premiados foron: Xosé Ramón Freixeiro Mato na de Investigación; o Ciclo Petas D(in)versos, na de Iniciativas Culturais; Berrogüeto na de Música; Antón Pulido na de Artes Plásticas e o cineasta vigués Lois Patiño na de Artes Escénicas e Audiovisuais.