O xurado estivo composto por Estíbaliz Espinosa, Carlos González Lema, María López Sández, Dolores Vilavedra e o propio Xavier Senín, que participou no anuncio da obra premiada xunto ao presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a directora da refinería de Repsol da Coruña, Natalia Barreiro; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro; e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Xosé Monteagudo Folgar (Moraña-Pontevedra,1965) é licenciado en Dereito pola USC e comezou a súa traxectoria literaria ao obter o accésit no premio Modesto R. Figueiredo do ano 2001 co relato “O engado do triángulo”. A súa primeira novela, As voces da noticia, resultou gañadora do Premio Blanco Amor no ano 2002. En 2006 publica a súa segunda novela, titulada Esta historia, na que reconstrúe unha biografía xuvenil a partir das lembranzas universitarias. En 2009 recibiu o Premio García Barros e foi finalista do galardón Frei Martín Sarmiento pola novela Un tipo listo. No ano 2012 publicou a novela O curioso mundo das persoas normais e no 2017 obtivo o premio á mellor obra narrativa da II Gala do Libro Galego e o Premio San Clemente Rosalía-Abanca por Todo canto fomos.