Xela Arias adoitaba acompañar de nena o seu pai, Valentín Arias, cando visitaba a Francisco Fernández del Riego na Fundación Penzol e na Editorial Galaxia. O director da Penzol durante case medio século e presidente da Real Academia Galega gardou daquela época no seu arquivo algúns textos da cativa que co tempo se convertería nunha renovadora da poesía galega. Estas manifestacións temperás do seu talento poden verse agora nesta mostra dividida en catro etapas que abordan os distintos momentos vitais e facetas da autora á que a Real Academia Galega dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Xunto aos documentos da infancia de Xela Arias, a Penzol amosa textos orixinais e outros recursos que dan conta da súa produción poética, do labor como editora e tradutora e, por último, baixo o título No ronsel de Xela Arias, publicacións póstumas e outras homenaxes.
A exposición foi inaugurada o pasado venres nun acto no que o presidente e o director da Fundación Penzol, Manuel Puga e Francisco Domínguez, recibiron a nai e o fillo de Xela Arias, Amparo Castaño e Darío Arias; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.