Académicos e académicas
Francisco Fernández del Riego
Lourenzá, Lugo, 1913 - Vigo, 2010
Data de ingreso
03/11/1960
A proposta de
Manuel Gómez Román, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Casás Fernández e Sebastián Martínez-Risco
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Ricardo Carballo Calero
Nesta cadeira
Exerce o cargo de
Presidente (29/11/1997 - 29/11/2001)
Anteriormente neste cargo:
Domingo García-Sabell Rivas (06/11/1977 - 29/06/1997)Sebastián Martínez-Risco y Macías (09/10/1960 - 24/09/1977)Manuel Casás Fernández (15/10/1944 - 30/07/1960)Eladio Rodríguez González (19/06/1944 - 15/10/1944)Manuel Casás Fernández (13/12/1942 - 19/06/1944)Manuel Lugrís Freire (28/05/1934 - 20/08/1935)Eladio Rodríguez González (20/11/1926 - 04/03/1934)Francisco Ponte y Blanco (31/03/1924 - 22/07/1926)Andrés Martínez Salazar (12/05/1923 - 06/10/1923)Manuel Martínez Murguía (04/09/1905 - 02/02/1923)
Naceu en Vilanova de Lourenzá o 7 de xaneiro de 1913 e finou en Vigo o 26 de novembro de 2010. Continuador do ideario do Grupo Nós, foi un dos fundadores do galeguismo progresista do século XX cuxas funcións sobordaron as de político, escritor, editor ou tamén crítico da literatura. Foi membro da Real Academia Galega e o seu presidente.
Logo de cursar, no Colexio dos Escolapios de Monforte de Lemos, o Bacharelato superior na sección de letras, Fernández del Riego aprobou en 1930 a reválida en Santiago de Compostela e comezou a estudar Dereito na Universidade de Madrid. No ano seguinte regresou á capital galega, onde continuou cos seus estudos e encetou os de Filosofía e Letras. Nese momento entrou en contacto coa vida cultural e política: fíxose activista da FUE, participou en diversos mitins e revoltas universitarias ao tempo que comezou a colaborar no Seminario de Estudos Galegos e no Comité de Cooperación Intelectual. Frecuentou tamén a editorial Nós, de Ánxel Casal, e colaborou en A Nosa Terra, Ser ou El Pueblo Gallego, relacionándose, entre outros, con Lois Tobío, Ricardo Carvalho Calero, Antonio Fraguas, Paulino Pedret e o propio Ánxel Casal. Desde a FUE, converteuse en delegado escolar nas facultades de Dereito e de Filosofía e Letras, chegando a ser, asemade, representante da Federación de Estudiantes na Xunta de Goberno da Universidade. En 1933 integrouse, como Secretario Xeral, na Federación de Mocedades Galeguistas e pronunciou con éxito o discurso inaugural da apertura do curso 33-34 da Universidade de Santiago en representación dos estudantes. Nese mesmo ano publicou o seu “Índice cultural e artístico do Renacimento galego” (Nós: boletín mensual da cultura galega, n. 117, 15 set. 1933).
Chegado 1934, participou na constitución de Galeusca, formando parte do seu Consello Galego, a carón de Otero Pedrayo, Plácido Castro, Fernando Calvet e Rezola. As súas responsabilidades políticas continuaron incrementándose cando, por indicación de Bóveda, se converteu en secretario da Asemblea de Concellos á que lle foi encomendada a redacción do proxecto de Estatuto. No ano seguinte, publicou “Presencia de Galicia nos vieiros da arte nova” (Nós: boletín mensual da cultura galega, n. 135, 15 marzo 1935) e acadou a licenciatura en Dereito, combinando, de maneira brillante, as súas facetas intelectual e política. En vésperas do estoupido da Guerra Civil e mentres preparaba a súa tese de doutoramento, exerceu como profesor axudante de Dereito e desenvolveu unha intensa campaña en favor do Estatuto de Autonomía como militante do Partido Galeguista na compaña de Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Suárez Picallo, Valentín Paz Andrade e Alexandre Bóveda. Chegado o golpe de Estado do 18 de xullo, representou ao Partido Galeguista no Comité de Santiago que analizou a situación provocada polos militares. No entanto, a Guerra Civil española provocou a súa inhabilitación na docencia e unha sanción por parte do Tribunal de Orden Público que o levou a manterse agochado durante un tempo e, finalmente, a incorporarse ao exército cando foi chamada a súa quinta para salvar a propia vida.
En 1939, ao remate da guerra, volveu a Galicia fuxindo de Santiago, onde era demasiado coñecido, e instalouse en Vigo, que se convertería na súa residencia definitiva. Iniciou a década de 40 relacionándose con galeguistas como Paz Andrade, Henrique Peinador, Carlos Maside, Darío e Xosé María Álvarez Blázquez ou Gómez Román. Traballando primeiro no Colexio Mezquita e despois no Colexio Labor, participou, na clandestinidade, en intentos de reorganización do galeguismo. Así, en xullo de 1943, tivo lugar en Coruxo a asemblea de refundación do Partido Galeguista, con Gómez Román na presidencia. No seu empeño por reorganizar politicamente o galeguismo, colaborou cos movementos políticos da emigración e traballou coas accións culturais galegas que se realizaban, principalmente, en Buenos Aires e Montevideo. Así as súas colaboracións nos xornais Galicia e Galicia emigrante. No ano 1947, organizou, con Leuter Salgado, as colaboracións coa BBC británica para a emisión dun programa semanal sobre cultura galega radiado, por vez primeira, na lingua prohibida de Galicia. Neste mesmo ano, ao tempo que gañou o concurso literario da Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires co obra Cos ollos do noso esprito, foi detido, encarcerado e xulgado en Consello de Guerra, sendo finalmente exculpado.
O seu traballo en favor da supervivencia da cultura galega non se ve diminuído polas decisións ditatoriais do réxime franquista e en outubro de 1949 saca á luz, con Xaime Illa Couto, o “Suplemento del Sábado” do xornal La Noche, que rescataba o mellor dunha intelectualidade galega silenciada. Aínda que os dirixentes golpistas contaban coas armas do poder, os militantes galeguistas posuían a forza da creatividade e do amor a Galicia. Así, cando a censura rematou co “Suplemento del Sábado” só un ano despois da súa posta en marcha, o 25 de xullo dese 1950 celebrouse en Santiago de Compostela a asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Presidida por Otero Pedrayo, contou coa participación de personalidades senlleiras do galeguismo coma Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista e tres persoas que orientaron o rumbo da editorial desde o comezo: Fernández del Riego, Xaime Illa Couto e Ramón Piñeiro. O noso biografado ocupou primeiro a secretaría do Consello de Administración de Galaxia e despois foi o seu director-xerente. No ano 1951 comezou a publicación da Colección Grial, da que Del Riego foi co-director, con Ramón Piñeiro, e que rematou no ano seguinte, dada a ferocidade da censura española. No mesmo ano 52, Fernández del Riego denunciou, con Illa Couto e Ramón Piñeiro, a persecución do réxime franquista á lingua galega nun informe enviado á UNESCO para procurar a súasolidariedade. No ano 1954, cando a colectividade galega en Buenos Aires tamén denunciou ante a UNESCO a persecución do galego, Fernández del Riego viaxou por Latinoamérica e estableceu contactos políticos co Consello de Galiza, pero ao seu regreso foi de novo detido, encarcerado e procesado en Consello de Guerra. Despois de renunciar aos seus cargos en Galaxia para non prexudicar a empresa, foi exculpado.
Poucos anos despois, no tempo en que os membros do Partido Galeguista interior comezan a abandonar a loita política partidaria en favor do traballo político cultural, Fernández del Riego ingresou na Real Academia Galega a proposta de Manuel Gómez Román, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Casás Fernández e Sebastián Martínez-Risco y Macías, en novembro de 1960, co discurso Un país e unha cultura: a idea de Galicia nos nosos escritores. O seu traballo na corporación foi intenso e profundo. Por iniciativa súa, a Academia decidiu celebrar o 17 de maio de cada ano, a partir de 1963, o Día das Letras Galegas, conmemorando que nese ano se cumpría o centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. Ademais, a primeiros de 1967 e co propósito de lle abrir novos camiños á lingua galega, solicitou da Academia, contando coas sinaturas de Ricardo Carvalho Calero e mais de Domingo García-Sabell, a manifestación oficial aos poderes públicos da necesidade de estudar galego en todos os niveis do ensino. Como gran dinamizador da corporación, acadou a súa presidencia en novembro de 1997; posto que desempeñou durante catro anos. Pero aquel ano 1963 foi o momento, tamén, da constitución da Fundación Penzol coa súa magna biblioteca, da que Del Riego foi director, e da aparición do primeiro número da revista Grial, que el co-dirixiu, xunto con Ramón Piñeiro, nos vinte e cinco primeiros anos de existencia.
No ano 1964, sen deixar de traballar arreo na actividade cultural -en Galaxia; Artes Gráficas Galicia, da que foi conselleiro-delegado; a Fundación Penzol e a revista Grial- Fernández del Riego integrouse nunha das novas forzas políticas de esquerda que apareceran ese ano, o Partido Socialista Galego (PSG), do que chegou a ser Secretario Xeral, con Manuel Beiras como dirixente, e ao que pertenceu ata 1978.
Durante os anos seguintes, o noso biografado vai publicar a maior parte da súa obra literaria e investigadora, quedando vinculado aos proxectos editoriais que iniciara até que, en 1986, xa sendo Carlos Casares director literario de Galaxia, comezou a súa dedicación exclusiva á Fundación Penzol, deixando atrás as funcións de xerente de Galaxia e de conselleiro-delegado de Artes Gráficas Galicia. As súas relacións con este grupo distánciase até o punto de non ter sido convidado a participar nos actos desenvolvidos en 1989 polo 25 aniversario da revista Grial.
Ao longo da súa vida, Fernández del Riego foi membro, entre outras institucións, do Seminario de Estudos Galegos, do Consello da Cultura Galega, do Consello de Bibliotecas da Xunta de Galicia, da Asociación Internacional de Críticos Literarios, da Fundación Laxeiro, dos Padroados Carlos Maside, Rosalía de Castro, da Fundación Luís Seoane (1997), do Museo do Pobo Galego, do Auditorio de Galicia e do Padroado da Fundación Penzol, sendo director da Biblioteca. Foi tamén membro de honra da Asociación de Escritores Galegos, presidente e socio de ANABAD-Galicia, presidente do Instituto Galego de Información e da Fundación Otero Pedrayo (1998), presidente de honorífico da Agrupación Cultural Galicia Rutas Mágicas (1998), da Fundación Peña Novo e do Padroado Vicente Risco. Foi Socio de Honra da Fundación Álvaro Cunqueiro e Presidente da Real Academia Galega.
O seu ciclópeo traballo no seo da literatura e cultura galegas veuse recoñecido con numerosos galardóns que comezaron en 1948 co premio de ensaio do Centro Gallego de Buenos Aires, outorgado polo Centro Gallego de Buenos Aires. En 1960 recibiu o premio Manuel Casás no 1º Certame Literario Baixo Miño; en 1979, o premio Pedrón de Ouro, outorgado polo padroado do Pedrón de Ouro; en 1982, o premio Vitalicio da Fundación Barrié, pola Fundación Barrié de la Maza; no ano 1985, recibiu a Medalla Castelao, pola Xunta de Galicia; no 1988, a Medalla de Ouro da Cidade, concedida polo Concello de Vigo, e mais o premio Trasalba, pola Fundación Otero Pedrayo. No ano seguinte, foi recoñecido como Lugués do ano; en 1992, o Premio de Creación Cultural, outorgado pola Xunta de Galicia; foi nomeado 1º Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo, pola Universidade de Vigo e recibiu o premio Irmandade do Libro: Premio de autor, concedido pola Federación de Libreiros de Galicia. No ano seguinte foi nomeado Galego Egrexio pola Fundación Premios da Crítica; en 1994, premio Fernández Latorre de Periodismo, polo xornal La Voz de Galicia; no ano 1995, o premio Otero Pedrayo, concedido polas Deputacións Provinciais de Galicia; en 1996, a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela, outorgada pola Universidade de Santiago de Compostela; no ano 1997, premio das Artes e das Letras de Galicia, pola Xunta de Galicia e no ano 1998, o premio Celanova, casa dos poetas. Ademais, recibiu homenaxes, foi nomeado Fillo Adoptivo de Nigrán e conta cunha placa e mais co nome dunha rúa na súa vila natal, Vilanova de Lourenzá.
No ano 1995, Fernández del Riego doou á cidade de Vigo a súa colección bibliográfica, un importante arquivo integrado por documentos; unha colección de arte plástica con obras de pintores e escultores coetáneos e un nutrido epistolario de figuras representativas da cultura galega contemporánea. Esta doazón constitúe a Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego, establecida na Casa Galega da Cultura, en Vigo.
Foi un destacado orador e conferenciante que participou en numerosos libros de autoría colectiva, en congresos e simposios. Ademais, responsabilizouse de numerosos limiares, foi articulista en distintas publicacións e xornais como Universitarios, Alento, Ser e A Nosa Terra, das cales chegou a ser director; La Noche, Galicia, Galicia Emigrante,Vieiros, Vida Gallega, Heraldo de Galicia, Nós, Grial, El Pueblo Gallego, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Vallibria e Industrias Pesqueras, asinando co seu propio nome ou baixo diferentes pseudónimos: Salvador Lorenzana, Adrián Solovio, Adrián Soutelo ou Cosme Barreiros. No xornal Faro de Vigo dirixiu, ademais, o “Suplemento de Cultura”.
Dada a extensión do seu labor cultural, intentaremos clasificar as súas principais publicacións exentas consagradas aos distintos ámbitos do coñecemento humanístico:
Antoloxías
- En colaboración con Xosé María Álvarez Blázquez acomete a tarefa de publicar a Escolma da poesía galega (Vigo: Galaxia, 1953-1959) en catro volumes. El ocúpase destes dous: Escolma de poesía galega: os contemporáneos (v. III, 1955) e Escolma de poesía galega: o século XIX (v. IV, 1957).
- Poesía galega: do dezanove aos continuadores. Vigo: Galaxia, 1976.
- Poesía galega: do posmodernismo aos novos. Vigo: Galaxia, 1980.
Divulgación dos valores galegos
- Cos ollos do noso esprito: ensaios breves. Bos Aires: Alborada, 1949.
- Danzas populares gallegas. Bos Aires: Galicia, 1950.
- Galicia no espello. Bos Aires: Ediciones Galicia, 1954. Premio Centro Galego de Bos Aires.
- Pensamento galeguista do século XIX. Vigo: Galaxia, 1983. A través dunha escolma de textos, ofrece unha síntese do pensamento provincialista e rexionalista.
- Pensamento galeguista do século XX. Vigo: Galaxia, 1983. Trátase dun complemento da obra anterior onde se encontran textos das figuras máis senlleiras do galeguismo: os irmáns Villar Ponte e Luís Porteiro Garea, Castelao e Ramón Otero Pedrayo e teóricos do nacionalismo como Vicente Risco, ademais de incluír o manifesto da Asemblea Nacionalista de 1918 e o programa do Partido Galeguista en 1931.
- As peregrinacións xacobeas. Vigo: Galaxia, 1984.
- El Camino de Santiago. Vigo: Enor, 1992.
- Galicia. Vigo: Galaxia, 1994. Produto confesado da súa experiencia viaxeira, constitúe unha presentación do país.
- A pesca galega de mar a mar. Sada: Ediciós do Castro, 1998.
- A Pegada das Viaxes: un caderno de bitácora das viaxes por España, Europa, Arxentina e Brasil. Vigo: Ir Indo, 2000.
Edición
- Añón, Francisco. Poesías galegas. Vigo: Galaxia, 1966.
- Varela, Noriega. Poesía. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 1991.
Historiografía, dicionarios, análise literaria
- Manual de historia de la literatura gallega. Vigo: Galaxia, 1951.
- Manual de historia da literatura galega. Vigo: Galaxia, 1971.
- Vocabulario Castellano-Gallego. Vigo: Galaxia, 1979.
- Escritores de Portugal e do Brasil. Sada: Ediciós do Castro, 1984.
- Diccionario de escritores en lingua galega. Sada: Ediciós do Castro, 1990. Contén máis de tres mil fichas bibliográficas.
- A xeración Galaxia. Vigo: Galaxia, 1996.
- Un epistolario de Ramón Piñeiro. Vigo: Galaxia, 2000.
Memorias
- O río do tempo: unha historia vivida. Sada: Ediciós do Castro, 1990. Constitúe unha testemuña de primeira man dos acontecementos vividos por Del Riego, fiel memoria do galeguismo do século XX.
Narrativa
- O cego de Pumardedón. Vigo: Ir Indo, 1992. A través da personaxe de Mauro, un home que quedou cego tralo estoupido dunha granada, transmite boa parte das experiencias vividas por toda unha xeración, a que coñeceu a Guerra Civil e a militancia galeguista.
- San Andrés de Teixido. Santiago de Compostela: Castromil, 1993.
Traducións
- Grandeza e decadencia do reino de Galicia / González López, Emilio. Vigo: Galaxia, 1978.
- As tres laranxas da vida / Boada i Moret, Francesc. Vigo: Galaxia, 1979.
- Uvas e Granito: viaxe por Galicia / Epton Nina. Vigo: Ir Indo, 1993.