Xela Arias, Afonso O Sabio e Ayras Nunez, no novo número do BRAG

Os traballos arredor da vida e da obra de Xela Arias presentados o pasado mes de novembro no Simposio Xela Arias xa poden lerse no novo número do Boletín da Real Academia Galega. O volume, dispoñible en copia dixital na sección de publicacións, recolle tamén as alocucións do pleno extraordinario do Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega lle dedicou á poeta, tradutora e editora, xunto a outros artigos de temática diversa.

O BRAG recolle os relatorios presentados no Simposio Xela Arias por Ana Iglesias, María Xesús Nogueira, Chus Pato, Manuel Bragado, Ana Luna, Belén López e Darío Gil Arias, fillo da homenaxeada; e mais os discursos das académicas Ana Romaní e Marilar Aleixandre e o académico Manuel Rivas lidos na sesión plenaria do 17 de maio de 2021, celebrada en Vigo.

O académico Henrique Monteagudo asina no mesmo número un traballo sobre Ayras Nunez, Afonso O Sabio e as Cantigas de Santa María e Xaquín Loredo e Gabino S. Vázquez-Grandío, técnicos do Seminario de Sociolingüística da RAG, presentan un artigo sobre a competencia comunicativa oral en galego e castelán ao final do ensino obrigatorio.