Visita de Xosé Ramón Gómez Besteiro

O secretario xeral do Partido Socialista de Galicia expresou, durante a súa visita á Academia, o compromiso do seu partido coa defensa da lingua e a cultura galega.
Gómez Besteiro, Alonso Montero e Henrique Monteagudo
Gómez Besteiro, Alonso Montero e Henrique Monteagudo


"Vexo en ti un novo Xaime Quintanilla", con esta evocación do alcalde socialista de Ferrol no 36 saudou o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, ao novo secretario xeral dos socialistas galegos, e engadiu, "pois Xaime Quintanilla conservou sempre aquel pouso de galeguidade e interese sincero polas cousas do noso país que adquirira durante a súa etapa no Partido Galeguista". O presidente da Academia valorou de xeito moi positivo a entrevista con Gómez Besteiro, "o seu partido representa unha parte moi importante da poboación galega, e co seu xesto de hoxe, está a amosar o interese desa parte do noso pobo nos valores que representa esta institución: a defensa e promoción da lingua galega".

Pola súa parte, o secretario xeral dos socialistas galegos manifestou a súa vontade de incrementar o grao de compromiso do seu partido coa lingua e a cultura galega: "Nós non somos a Rioxa, con isto non quero dicir que sexamos mellores, somos diferentes, e temos que ver esta diferenza como un valor". Gómez Besteiro salientou tamén a necesidade de aumentar o apoio orzamentario á Academia: "Sabemos que estamos a vivir un momento económico difícil, pero aínda así, a lingua e a cultura non poden ser considerados como un gasto, senón como unha inversión".