Vidal Bolaño entrevistado en Mapoula

A revista Mapoula do curso 97-98, elaborada por alumnos do Instituto de Ensino Secundario Adormideras, da Coruña, inclúe unha entrevista a Roberto Vidal Bolaño.
Cartel de Anxeliños na revista Mapoula
Cartel de Anxeliños no interior da revista Mapoula


Este exemplar da revista Mapoula -doado á Academia por Xurxo Taxes, fillo do dramaturgo Francisco Taxes- contén unha entrevista feita no inverno de 1997, "nunha cafetería no centro da cidade da Coruña", a un Roberto Vidal Bolaño que viña de representar a súa obra Anxeliños no Teatro Rosalía de Castro.

Ao longo da entrevista, Vidal Bolaño vai dando conta das alfándegas lingüísticas que debía tributar o teatro en galego ao saír fóra do país, da imposibilidade de representar -dun xeito realista- o fenómeno do "autoodio" ou da crise endémica do teatro galego. Vidal Bolaño tamén achega a súa visión sobre as figuras de Darío Fo e Manuel Lourenzo, que viñan de ser recoñecidos co Premio Nobel e o Nacional de Literatura respectivamente: "É empezar a recoñecer que hai máis formas de literatura que aquelas que as academias consideran como tal".

A entrevista a Vidal Bolaño en Mapoula -dirixida naquela altura pola profesora de lingua e literatura Carme Sanjulián, hoxe docente na Universidade da Coruña- pódese descargar aquí.