A familia de María Victoria Moreno atopou As cinco castes no ordenador da autora tempo despois do seu pasamento. O texto súmase agora a outros inéditos da escritora publicados por Urco Editora nos volumes O amor e as palabras e Nosoutras.
"María Victoria Moreno foi pioneira en poñer como protagonistas das súas historias a nenas, mulleres de avanzada idade e incluso animais, coma neste libro, As cinco castes", salienta o selo editorial. O título está dedicado aos diferentes seres que poboan a Terra, que se distinguen "non só polo xeito de se comportar, senón tamén polas súas cores e feituras". "Estes agrúpanse en castes segundo as súas características e poden pertencer á caste dos paxariños, dos bichos, dos animais, dos nós ou dos amos", resume a sinopse. O libro xa está á venda nas librarías e na páxina web de Urco Editora.