Unidade didáctica sobre Celso Emilio Ferreiro

Esta iniciativa, desenvolvida no marco do centenario do nacemento do poeta celanovés, pretende fornecer o alumnado dunha ferramenta interactiva que facilite o coñecemento da súa obra.
Imaxe de Celso Emilio cando novo
Imaxe do poeta na súa mocidade


A unidade didáctica, en formato dixital e deseñada por Ouvirmos, repasa a vida e a obra de Celso Emilio Ferreiro a través de "textos descritivos e propostas de actividades lúdicas interactivas". A unidade está dividida en dúas partes atendendo a dous niveis de dificultade; a primeira delas dirixida ao alumnado de primaria, mentres que a segunda está enfocada ao de secundaria. Desta forma, preténdese achegar a figura e a obra do autor de Longa noite de pedra dun xeito accesible e atractivo ás novas xeracións.

Esta ferramenta didáctica está xa dispoñible no Proxecto Abalar, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia co fin de aumentar o uso das novas tecnoloxías da información no ámbito do ensino.