Unha velada con literatura, música e petiscos en homenaxe a Pardo Bazán

O espírito dos encontros literarios que ela mesma organizaba na súa casa da rúa Tabernas da Coruña a finais do século XIX marcou a primeira velada de homenaxe a Emilia Pardo Bazán, celebrada entre as mesmas paredes o pasado venres, 29 de setembro. A Real Academia Galega, a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e Marineda City, o centro comercial que leva o nome literario que a escritora lle deu á cidade da Coruña, quixeron celebrar o 166 aniversario do nacemento da autora cunha reinterpretación desde o século XXI daqueles seráns marcados pola literatura e a música. Varias mulleres do mundo das letras e as artes escénicas deron lectura a textos da homenaxeada e as integrantes de De Vacas puxeron a nota musical estreando unha canción dedicada á autora. Tampouco faltou a gastronomía, da man do cociñeiro Iván Domínguez, que elaborou petiscos inspirados no receitario de dona Emilia.

De Vacas interpreta a canción dedicada a Emilia Pardo Bazán


O presidente da Real Academia Galega e director da Casa-Museo, Víctor F. Freixanes, e Ana López, xerente do espazo comercial patrocinador da velada, foron os encargados de darlles a benvida aos convidados e convidadas, unha representación da vida cultural, empresarial e política da cidade e do país limitada en número polas esixencias de conservación do espazo museístico ubicado no edificio brasonado do século XVIII que foi residencia de Emilia Pardo Bazán. A escritora medrou nesta casa nun ambiente liberal e culto, rodeada de libros, e nela tamén viviu de adulta cando organizaba faladoiros literarios e actos sociais aos que acudían figuras destacadas da intelectualidade da época.

Víctor F. Freixanes salientou que a Academia estará "sempre agradecida á familia e á memoria de Emilia Pardo Bazán" pola doazón da súa casa como sede da institución e que, ao mesmo tempo, a RAG "recoñece publicamente a significación da autora de La Tribuna e o seu compromiso con Galicia, moi especialmente coa cidade da Coruña (Marineda), materializado nunha obra extensa, intensa e universal". O presidente da RAG referiuse tamén ao convenio asinado o pasado 7 de setembro con Marineda City, ao abeiro do cal o centro comercial patrocina esta velada e outras accións de difusión da vida e da obra de dona Emilia, e se compromete a avanzar na galeguización das súas actividades e instalacións. "O acordo con Marineda City inicia un camiño de colaboración entre a sociedade civil e as institucións culturais que debemos estimular e que agradecemos tamén, polo que ten de sensibilidade a prol da lingua e a cultura de Galicia. Esta lingua e esta cultura esixen o compromiso do conxunto da sociedade, non duns poucos escollidos", concluíu.


Un momento da intervención de Ana López, xerente de Marineda City, rodeada do presidente da RAG e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Víctor F. Freixanes, e a directora-conservadora da Casa-Museo, Xulia Santiso


Ana López, xerente de Marineda City, puxo de manifesto o especial vínculo que o centro comercial ten coa figura de Emilia Pardo Bazán, xa que a súa denominación está inspirada na cidade imaxinada pola autora. "Desde o primeiro momento pareceume unha idea excelente establecer un acordo de colaboración coa Real Academia Galega e a Casa-Museo que permitise difundir a figura e a obra da escritora e que hoxe, con esta velada de homenaxe e os premios que patrocinamos, dá os seus primeiros froitos. Está iniciativa é un paso máis na reafirmación do centro comercial como impulsor da vida cultural da Comunidade e reforza a aposta de Marineda City por Galicia", explicou Ana López. O I concurso de relato breve Marineda: a cidade inventada por Emilia Pardo Bazán concederá dous premios para textos, de ata 4.000 caracteres, en galego e en castelán inspirados directamente na cidade da Coruña. Cada un deles estará dotado con 1.000 euros. A RAG, a Casa-Museo e Marineda City convocan tamén outro galardón de fotografía co mesmo nome e igual dotación.


Fina Casalderrey, de costas, conduciu a velada


Unha canción de aire francés para Emilia e receitas revisitadas
Tras as palabras de benvida de Víctor F. Freixanes e Ana López, directora-conservadora da Casa-Museo, Xulia Santiso, deu paso á primeira actuación de De Vacas, coñecidas polas súas versións de grandes temas "venerados polas masas e maltratados pola historia". O cuarteto estreou unha versión especial para a ocasión na que, co seu habitual desenfado e humor, fai seu "A Vannes", composto por Michel Jonasz e popularizado nos anos 70 por François Hardy. A letra réndelle homenaxe a Emilia Pardo Bazán dándolle voz para se retratar en cada verso a si mesma: muller, culta, políglota, independente e avanzada ao seu tempo, como quedou demostrado tamén nos fragmentos da súa obra lidos nesta celebración, conducida pola académica Fina Casalderrey.


O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, reparte a letra da canción de homenaxe a Emilia Pardo Bazán de De Vacas entre o público


Fina Casalderrey participou tamén na parte literaria xunto á escritora Estíbaliz Espinosa; a académica de número Marilar Aleixandre, a académica correspondente Olivia González, Xan Arias, da editorial Trifolium, e Xulia Santiso, directora-conservadora da Casa-Museo. Estíbaliz Espinosa escolleu varios fragmentos de La Tribuna sobre Marineda e a súa protagonista, Amparo e detívose tamén nas liñas de La piedra angular (1891) nas que define a beleza da Coruña e da súa propia casa da rúa Tabernas; Marilar Aleixandre afondou nos seus primeiros artigos en prensa sobre divulgación científica; Fina Casalderrey recordou o coñecemento e respecto polo traballo de Rosalía de Castro, e tamén a devoción pola paisaxe e a arte galegas, que amosou en De mi tierra (1888), obra escollida tamén por Olivia Rodríguez; mentres que Xulia Santiso e Xan Arias dramatizaron un par de fragmentos de Doña Milagros (1894).


Iván Domínguez servindo petiscos da súa autoría inspirados nas receitas de Emilia Pardo Bazán


A velada avanzou entre as lecturas, a música e os petiscos preparados, e presentados, por Iván Domínguez, do restaurante coruñés Alborada, distinguido cunha estrela Michelin. O cociñeiro foi o encargado de facer unha reinterpretación das receitas da escritora recollidas en La cocina española antigua e La cocina española moderna, das que seleccionou pratos como o caldo substancioso, as papas de millo etc. En definitiva, "unha volta á cociña antiga desde unha visión actual", trasladando as receitas da autora a bocados.


Foto de familia das persoas que participaron no programa da velada. Pola esquerda, Fina Casalderrey, Estíbaliz Espinosa, Faia Díaz, Inés Salvado, Paula Romero, Víctor F. Freixanes, Manuel González Herránz, Ana López, Xulia Santiso, Guillerme Fernández e Olivia Rodríguez