Unha placa lembra a Xela Arias na casa de Vigo onde medrou

O Concello de Vigo inaugurou esta mañá unha placa na memoria de Xela Arias na fachada do edificio onde medrou a poeta, editora e tradutora á que a Real Academia Galega dedica este ano o Día das Letras Galegas. O presidente da institución, Víctor F. Freixanes, participou na descuberta canda o alcalde da cidade, Abel Caballero, a nai da homenaxeada, Amparo Castaño, os seus irmáns e veciños e veciñas da cidade na que Xela Arias viviu dende os 7 anos.

Os veciños e veciñas de Xela Arias participaron na descuberta da placa canda a familia e os representantes institucionais. Fonte: Concello de Vigo


A placa pode lerse De certo, a vida ía en serio, un verso de Xela Arias, autora que encarna o espírito de modernidade que impregnou a cidade de Vigo nos anos 80 da década pasada, salientou o presidente da RAG. Víctor F. Freixanes referiuse na súa intervención ao protagonismo vigués na renovación da cultura galega naquel momento, á que Xela Arias contribuíu como escritora e tamén como traballadora da industria editorial.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, intervén tras a descuberta da placa. Fonte: Concello de Vigo