Filomena Dato gañou en 1887 o certame convocado en Ourense en homenaxe ao padre Feixoo co texto "En defensa das mulleres", recollido catro anos despois en Follatos, libro con corenta e cinco poemas que escribiu integramente en galego. A escritora naceu en Ourense en 1856 e faleceu na Coruña, onde vivira os últimos anos da súa vida, en 1926. Esta "excelsa precursora", en palabras de Antón Villar Ponte, foi soterrada no cemiterio de Moruxo (Bergondo), nunha cerimonia á que acudiron o presidente da RAG, o alcalde da Coruña e outros persoeiros da vida cultural coruñesa daquel momento. O camposanto de Moruxo é tamén, nove décadas despois, o lugar proposto pola Asociación Suárez Picallo para renderlle homenaxe a Filomena Dato.
O acto de recoñecemento á escritora centrou o encontro mantido onte entre o presidente Víctor F. Freixanes e o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, co presidente, a vicepresidenta e vicesecretaria da Asociacións Irmáns Suárez Picallo, Francisco Pita, Marisa Naveiro e Rexina Basadre; e as concelleiras de Cultura e Benestar Social de Bergondo, Patricia Vázquez e Begoña Calviño.