![Cartel da exposición](/documents/35271/86557/20.01.27_01_01.jpg/b37d93f3-bb9b-21ee-2a52-e34718549f07)
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, participou na presentación da exposición, composta por vinte e catro paneis que ofrecen un percorrido pola vida e obra do escritor e profesor ferrolán. O público poderá ver tamén primeiras edicións de Carvalho Calero e documentos e obxectos persoais. Completa a mostra unha proxección audiovisual que inclúe entrevistas ao homenaxeado.
Delia Vázquez, alumna de Carvalho Calero e estudosa da súa figura, abriu un acto no que tamén tomou a palabra Margarita Carballo Ramos, primoxénita de don Ricardo, quen agradeceu o agarimo que a cidade de Ferrol sempre lle amosou ao seu pai e lembrou que o seu derradeiro discurso público, dous meses antes do seu pasamento, o pronunciou no día de San Xiao, patrón da cidade, cando foi nomeado fillo predilecto.
Víctor F. Freixanes subliñou a relevancia de Ricardo Carvalho Calero na historia do galeguismo do século XX e salientou o gran valor da súa Historia da literatura galega contemporánea, "unha da sobras máis xigantescas que se poden facer". Pola súa banda, o alcalde, Ángel Mato, cualificou de "acto de xustiza" que se lle concedese ao seu veciño ilustre o "maior recoñecemento que se lle pode facer a un escritor galego".
![O presidente da RAG intervén na inauguración da exposición](/documents/35271/86557/20.01.27_01_02.jpg/340bd3d7-f495-7f0b-1390-af84a53b0ed0)