Un selo conmemorativo e un gran mural para a recta final do Ano María Victoria Moreno

María Victoria Moreno será a protagonista dunha tiraxe especial de selos de correos para coleccionistas. Verá a luz o vindeiro 22 de novembro, o día do 13 cabodano da autora á que a Real Academia Galega dedicou este 2018 o Día das Letras Galegas. O Concello de Pontevedra tamén a homenaxeará na recta final do seu ano cun gran mural na rúa Eduardo Pondal que amosará a pegada que deixou na cidade onde se estableceu ao chegar a Galicia nos anos 60.
M. V. Moreno retratada pola
ilustradora Tania Solla

O Concello de Pontevedra agasallará cun selo da tiraxe especial as distintas entidades implicadas no Ano María Victoria Moreno, os centros sociais da cidade e a familia da autora. As persoas interesadas en facerse cun destes selos tamén poderán solicitalo á administración local, segundo anunciou onte o concelleiro de Normalización Lingüística.

Alberto Oubiña explicou ademais que o mural de homenaxe a María Victoria Moreno se debuxará na rúa Eduardo Pondal, xusto fronte á ponte da avenida de Vigo onde unha placa xa recorda a quen foi veciña desta rúa, o lugar de inicio durante estes meses do roteiro polos seus espazos vitais. O deseño é de Tania Solla e da súa execución, que empezará o vindeiro 14 de outubro, encargarase Polo Correo do Vento. Neste último trimestre de 2018 tamén terán lugar en Pontevedra dous obradoiros de contacontos infantís ilustrados dedicados á protagonista do último 17 de maio. Desenvolveranse no Centro Leste e na Casa da Cultura de Monte Porreiro. A distribución nos centros de ensino e sociais da biografía da autora escrita por Joanna Lorenzo e ilustrada por Tania Solla completan as accións municipais arredor do Día das Letras Galegas dedicado a María Victoria Moreno.

A Real Academia Galega celebrará, pola súa banda, os días 27 e 28 de novembro o Simposio María Victoria Moreno cun completo programa de relatorios e mesas redondas. Os encontros terán lugar na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña.