O xurado de infantil e xuvenil, composto pola escritora e membro correspondente da Real Academia Helena Villar Janeiro, polo tradutor e tamén académico correspondente Xavier Senín, a secretaria e a membro do equipo de PuntoGal, Edita de Lorenzo e Cristina Ríos, e mais o xornalista Lois Alcayde, decidiron conceder os segundos premios a Niara Cabreirizo Collazo (Moaña, 2013), alumna de 2º de primaria do CEIP de Seara, participante na modalidade infantil cun conto de 33 palabras titulado “Unha mala noite”; e Nayara Alonso Barredo (Vigo, 2004), estudante de 1º de bacharelato do IES Álvaro Cunqueiro, galardoada por “Ela”, de 181 palabras.
O terceiro premio de infantil é para Carmen Mendaña Vázquez (Santiago de Compostela, 2011), estudante do CEIP das Fontiñas, polo relato “Papá”, de 185 palabras; e na categoría xuvenil recaeu sobre “A choiva”, unha historia de 130 palabras escrita por Lucía Álvarez Puga (Vigo, 2004), alumna tamén do IES Álvaro Cunqueiro.
O xurado declarou ademais dous finalistas por cada categoría. Na modalidade infantil, “A batalla perdida” de Andrés de Miguel Caballero (Vigo, 2010), estudante do Colexio Montecastelo; e “Collo a túa man e saímos correndo” de Martiño Yáñez Rodríguez (Brión, 2010), alumno de 5º de primaria do CEIP de Pedrouzos. Na categoría xuvenil, os relatos finalistas son “No sorriso do avó” de Anxo Vázquez Novo, estudante de bacharelato no Colexio Salesianos (A Coruña, 2004); e “Mente asoballada” de Laura Freire (Aranga, 2004), alumna tamén de bacharelato no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.
A Real Academia Galega e PuntoGal publicarán os seis relatos gañadores de infantil e primaria xunto aos premiados na categoría de adultos, escritos por Paloma de Toro González (Ourense, 1985), Luca Chao Pérez (Lugo, 1988) e María Cabaleiro Alfaya (Tui, 1993). Poderán lerse proximamente nas páxinas web de ambas as institucións e en relatos.gal, a web do concurso, onde se ofrece toda a información sobre a convocatoria.
As persoas galardoadas recibirán diferentes premios tecnolóxicos, libros e, no caso dos primeiros e segundos premios das categorías de adultos e xuvenil, un dominio .gal gratuíto durante un ano. Luzes agasallará ademais as premiadas na modalidade de adultos cun lote de publicacións da revista, onde tamén se publicarán os relatos gañadores e os finalistas non premiados.