Todo o alumnado dos centros de ensino de Ames recibirá un convite para poder asistir coa familia. A apertura das portas será ás 17.00 horas e o programa desenvolverase de 17:30 a 20:00 horas.
O pasado 6 de febreiro remataron as actividades propostas na cuarta edición de Modo galego, actívao! Desta volta participaron arredor de 2.700 estudantes que contaron coa colaboración de case 300 docentes e uns 200 profesionais da educación non formal. O programa de actividades concluíu cunha gran foliada en cada centro escolar dirixida polas pandeireteiras do grupo As Maianas e das asociacións de Bugallido, que cantaron e bailaron a canción do proxecto, “Falo galego porque quero!!”.
A última convocatoria volveu ser un éxito en canto á participación e confirma a consolidación de Modo galego, actívao! Durante catro semanas, a rapazada de infantil á ESO dos 11 centros públicos amesáns asumiu un obxectivo común: falar galego o maior tempo posible e en todas as situacións do día a día, da casa á escola e do parque ás actividades extraescolares. Os nenos e nenas foron os auténticos protagonistas dunha proposta de marcado carácter lúdico. Este ano como novidade, ademais do alumnado dos centros de ensino, participaron no programa os usuarios e usuarias das escolas deportivas municipais.
Un punto de partida
A coordinadora do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, a académica María López-Sández, participou na rolda de prensa de presentación do festival Modo galego, actívao! xunto ao alcalde de Ames, Blas García; o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García; a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, María Coutinho; a técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ames, Rosa Moreiras; e mais os representantes das Maianas e da Gramola Gominola, Inés Suárez e Paco Cerdeira.
María López-Sández subliñou a importancia dun programa que é froito dunha colaboración entre a RAG e Concello de Ames que se remonta ao ano 2018, cando se iniciaron os traballos para a elaboración do mapa sociolingüístico escolar municipal, e que hoxe está a servir de exemplo para outros concellos como os de Santiago de Compostela, Pontevedra, Carballo ou Rois, que xa asinaron acordos coa Academia para seguiren os mesmos pasos. “Ames é o corazón, é o comezo do éxito deste programa. Traballarmos pola lingua é algo que nos implica a todos, non só no horario escolar”, salientou en referencia ao carácter transversal de Modo galego, actívao!
O alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística explicou que a cita do venres 17 de abril é un apoio máis ao traballo que se está facendo no marco do programa. “Con festivais coma este damos un paso importante na normalización do idioma, xa que o obxectivo que temos todos é o mesmo: que o galego perdure. Agardo que sexa unha actividade que vaia medrando e que perdure no tempo. O máis importante sería que nos próximos anos, cando se siga celebrando, non só participemos xente de Ames, senón que vaia medrando e se expanda a outros concellos”, compartiu Blas García.
“A música é unha parte fundamental da nosa cultura e do noso lecer e, sen dúbida, o mellor xeito de pechar esta edición do programa Modo galego, actívao! co que estamos encantados de colaborar”, coincidiu o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia. Valentín García sinalou tamén o acerto do programa de estender as accións de dinamización lingüística alén das aulas. “Debemos crear contornas de seguridade para que os rapaces e rapazas se comuniquen en galego con comodidade”, indicou.
“A lingua hai que festexala, que teñamos lingua propia é motivo de alegría e de orgullo”, expresou en termos similares Rosa Moreiras. Por último, Inés Suárez e Paco Cerdeira, referíronse á necesidade de “fomentar este tipo de iniciativas e pelexar polo noso” e prognosticaron un futuro cheo de éxitos para o festival Modo galego, actívao!



