"Discurso formado por Don Josef Lucas Labrada... para leerle en el dia en que se haga pública abertura de la biblioteca que con Real Aprobacion estableció á sus expensas en la Casa Consular el Doctor Don Pedro Antonio Sanchez... ". Así se titula o libro que recolle o texto escrito por Lucas Labrada (Ferrol 1762 - A Coruña 1842) con motivo da inauguración deste establecemento, que se fixo realidade grazas á intervención do cóengo Pedro Antonio Sánchez, economista e ilustrado galego que ofreceu ao Real Consulado da Coruña en 1803 os seus propios libros e os medios económicos para tal fin. O 2 de xuño dese mesmo ano conseguía a aprobación real e tres anos despois a primeira biblioteca da cidade herculina abría as portas.
Lucas Labrada foi un dos máximos representantes do movemento da Ilustración en Galicia, xunto con Benito Jerónimo Feijoo, Martín Sarmiento, José Cornide Saavedra, Pedro Antonio Sánchez e Juan Francisco de Castro, entre outros. Unha das contribucións máis importante de Labrada neste senso foi a súa obra Descripción económica del Reyno de Galicia (Ferrol, 1804), na que denuncia o atraso económico do país, reclamando axuda á administración.
O discurso escrito para a inauguración da biblioteca coruñesa comeza cunha introdución sobre a invención do papel e da imprenta, factores indispensables na aparición e expansión do libro e na futura creación das bibliotecas públicas. Continúa cunha descrición das principais bibliotecas estranxeiras da antigüidade, para centrarse despois nas bibliotecas e outros establecementos culturais do país. O resto da obra afonda na utilidade das bibliotecas nun contexto universalista.
"Toda Biblioteca se debe considerar como una Cátedra ó Aula general para cualesquiera clases de gentes... es decir, que desde el profesor de mas cortos principios hasta el hombre mas consumado, todos sacan utilidad del establecimiento de una biblioteca (...). Mas no solo hallan utilidad en las Bibliotecas aquellos que profesan qualesquiera facultades, encuentranla tambien los que no profesan ninguna", sostiña. Pero a biblioteca non só é fonte de coñecemento senón que tamén proporciona evasión e auxilio espiritual para enfrontar os numerosos contratempos da vida humana, proseguía Lucas Labrada: "Por otra parte es un hecho que la vida del hombre está llena de calamidades (...) Entónces los libros, las historias de las vicisitudes del género humano, vienen por fin á socorrernos, hallando en ellas un alivio que tal vez buscamos en vano".
É certo que toda biblioteca debe conter unha ampla gama de saberes, pero insiste Labrada na importancia da economía política como fonte para remediar os males do país. A biblioteca de próxima apertura contería numerosos libros destas características, xa que o seu promotor, Pedro Antonio Sánchez, era experto nesta materia."Los escritos de los Economistas (...) empezaron á ser buscados y leidos con aprecio (...). Llegaron ya á persuadirnos de la necesidad de estudiar la ciencia de la economía política, cuyo objeto es el de hacer felices á los pueblos", aseguraba.
As bibliotecas son así tamén un medio para combater a ignorancia e previr erros nos futuros gobernantes, apuntaba."Muchos errores políticos que se han cometido en España han sido hijos de la obstinada ignorancia de los que los han promovido, y propuesto á la Superioridad. El remedio único es la instrucción de todos". O autor quere deste xeito fomentar o uso das bibliotecas nun contexto no que a cultura non era aínda accesible a todas as capas sociais, e fai un fermoso chamamento: "Apresuraos pues jóvenes ilustrados, á concurrir á tan útil establecimiento".
A Real Academia Galega posúe un exemplar desta obra, consultable na súa biblioteca, que tamén ofrece a versión dixital na sección "Monografías do século XIX" da web institucional. Encadernado en holandesa, pertenceu a Emilia Pardo Bazán, que xa dende a infancia se sentiu atraída pola colección bibliográfica do seu pai. Co tempo, ela mesma chegaría a posuír unha fabulosa biblioteca, nunha época en que a maioría das mulleres estaban destinadas a outros mesteres. Parte desa biblioteca pertence dende 1978 á Real Academia Galega.