Cada centro poderá participar co proxecto ou proxectos desenvolvidos arredor de Carlos Casares que desexe, tanto con aqueles que poidan implicar o conxunto da comunidade escolar coma con outros de aula, curso, etapa etc. Os colexios deben enviar as ligazóns correspondentes a estas iniciativas ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal. Se non contan con páxina web ou blog, poden remitir o material a este mesmo enderezo electrónico. As bases do concurso poden consultarse en http://primaveradasletras.gal/certame-contadenos-o-voso-dias-das-letras/.
Máis actividades interactivas
Primavera das Letras botou a andar en 2016 centrada na figura de Manuel María. Nesta segunda edición, reforzou as actividades de carácter interactivo, unha ducia de propostas que permiten aos nenos e nenas mergullarse de forma lúdica no universo vital e literario de Carlos Casares, o escritor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas. A web ofrece tamén fichas didácticas que, cun enfoque interdisciplinario, permiten ao profesorado e aos pais e nais traballar cos pequenos e pequenas non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social ou educación artística empregando como eixes a vida e a obra do autor ourensán.