O documental de Gonzalo E. Veloso retrata a protagonista do Día das Letras Galegas 2018 a través de testemuños de amizades, familiares, amizades e compañeiras e compañeiros de profesión, entre eles os das académicas Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, e complétase con imaxes de arquivo da TVG que permiten ver e escoitar a María Victoria Moreno. Nos fragmentos recuperados, a autora fala sobre a literatura infantil á altura de 1987, un ano despois de recibir o terceiro Premio Barco de Vapor por Leonardo e os fontaneiros, e volve aparecer en pantalla cara ao final da peza explicando a súa experiencia nun ensaio clínico para un novo tratamento contra o cancro que padeceu.
María Victoria Moreno intervén na TVG en 1987, un dos documentos do arquivo da canle pública rescatados no documental dispoñible na súa web
Outra mirada de interese á figura da autora homenaxeada este ano pola Real Academia Galega ofrécea María Victoria Moreno, galega por amor, documental promovido polo Concello de Pontevedra que arrinca co recordo da autora do académico Xesús Alonso Montero, amigo dela desde que se coñeceron no Instituto Masculino de Lugo, onde ambos os dous eran compañeiros de departamento. A académica Fina Casalderrey volve aparecer neste traballo xunto á filla e o viúvo da autora, Begoña Llácer e Pedro Ferriol, e amigos como Xavier Senín, Tito Seijas, Luz Gallego, Manuel González e Rosi Gómez.
A María Victoria profesora, recordada por antigos compañeiros e compañeiras docentes e persoas que se formaron como adolescentes nas súas aulas , centra o documental estreado o pasado 4 de abril no IES Torrente Ballester. A peza pode verse na canle de Youtube do centro.