
A campaña Toponimízate Falámosche dos nomes da túa terra chega este venres a Boimorto. A Casa da Cultura deste concello coruñés acollerá, a partir das 11 horas, a sesión que reunirá a rapazada do CPI Armando Cotarelo Valledor, as persoas usuarias do Centro de Maiores e todos os veciños e veciñas que desexen sumarse á iniciativa de recolla dos nomes de leiras, souto, camiños e outros microtopónimos empregando a plataforma Galicia Nomeada, que permite xeorreferencias topónimos de todo o país desde o teléfono móbil.
A sesión será impartida polo coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo Ares. A alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo Gómez, presentará a charla que a Real Academia Galega organiza, en colaboración coa Xunta de Galicia, no marco dunha campaña que, alén de procurar colaboradores para a salvagarda dun patrimonio inmaterial no que Galicia é especialmente rico, ten como propósito tamén divulgar a riqueza toponímica do país.
O encontro de Boimorto é un dos máis especiais da nova edición desta campaña, xa que procura a conexión interxeracional. Os participantes máis novos coñecerán o saber que atesouran os maiores da vila arredor dos nomes da súa terra e mais da tradición oral vencellada a eles. Esta é unha primeira parte dun exercicio de transmisión que urxe completar, xa que Boimorto é un dos concellos do país que ten practicamente ten toda súa microtoponimia sen rexistrar no visor de Galicia Nomeada. No seu día, o municipio non foi obxecto dunha recolla sistemática no marco do o Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011), e desde o lanzamento de Galicia Nomeada, hai case sete anos, é un dos concello con menos achegas por parte dos colaboradores do proxecto: neste período de tempo só se rexistraron 14 topónimos relativos terras, montes ou algún elemento de interese cultural.
Partes da charla
Dado o perfil tan diverso de oíntes que se van xuntar en Boimorto, os contidos xerais da campaña estarán adaptados co fin de que lles resulte o máis didáctica e proveitosa posible. Vicente Feijoo comezará falando da riqueza toponímica excepcional que posúe Galicia e do perigo que corre de perderse nas últimas décadas. Co propósito de que este patrimonio cultural inmaterial non desapareza creouse a aplicación colaborativa Galicia Nomeada, ferramenta dixital cuxo funcionamento centrará unha boa parte do tempo que dura a charla. O público aprenderá a engadir nela novos topónimo e a subir fotos ou arquivos de son coa pronuncia e lenda relacionada con eles, entre outras funcións.
Para o final quedarán dúas das partes que máis atención acaparan nas charlas Toponimízate. Na primeira, repasaranse as novidades que trouxo neste concello coruñés a nova actualización do Nomenclátor de Galicia publicada en marzo de 2026. Entre os cambios máis salientables, figuran as 10 entidades de poboación que se incorporaron con respecto á anterior versión deste documento; e mais os cambios nas denominacións oficiais dalgunhas aldeas como Lavandeira, O Outeiro, Samil ou Dormeá, que pasaron a ser A Lavandeira, Outeiro, Saamil e Dormeá ou A Igrexa.
Por último, as distintas xeracións que se darán cita nesta actividade poderán aprender a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas deste concello, unha parte da charla que conta coa colaboración na investigación etimolóxica do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Non faltarán Boído, Boimorto e Boimil, tres topónimos cuxa coincidencia formal implicou a aparición dunha lenda que xa foi recollida por Armando Cotarelo Valledor no número 48 da revista Nós: “O orixe de tales nomes está pra os veciños de Boimorto en que vindo certa vez por estas terras un ganadeiro con moita récua ('Boi-mil') desmandóuselle unha das cabezas ('Boi-ido'), que foi perseguido polos mozos hastra que o mataran ('Boi-morto')”.
Baleira baixará o pano da campaña 'Toponimízate 2026'
O alumnado do CEIP Concepción López Rey do concello lugués de Baleira será o encargado de baixarlle o pano á campaña Toponimízate 2026. A cita será o vindeiro 30 de outubro a partir das 12:00 horas.


