'Toponimízate' chega a Mazaricos, Manzaneda e Ribadavia

A campaña de divulgación da toponimia Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra inicia en novembro unha nova edición. Mazaricos (A Coruña), Manzaneda e Ribadavia (Ourense) acollerán a semana que vén as tres primeiras charlas que impartirá o especialista en toponimia Vicente Feijoo, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG). As intervencións contan coas achegas, na parte relativa á orixe e significado dos nomes dos concellos, parroquias e aldeas, do académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. 

A RAG coordina esta iniciativa coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A campaña forma parte das actividades desenvolvidas no ámbito de actuación do Programa de Cooperación Interreg V A España – Portugal (POCTEP 2014-2020), que se incardinan no proxecto 0358 GEOARPAD "Patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal".

O luns 4 de novembro os veciños e veciñas de Mazaricos poderán profundar nos nomes da terra da súa contorna nunha sesión que terá lugar a partir das 16 horas na Casa da Cultura. Vicente Feijoo será presentado polo académico de número Manuel González, fillo predilecto deste concello coruñés, do que é natural.

O mércores 6 de novembro Toponimízate chegará a Manzaneda, cunha sesión divulgativa, a partir das 11 horas, que se desenvolverá no CEIP Manzaneda. O venres 8 de novembro a cita será en Ribadavia, a partir das 18 horas no centro social da vila.

Alén de profundar nos nomes dos lugares habitados, as persoas asistentes poderán coñecer a aplicación colaborativa que lles permitirá proximamente participar na preservación e difusión da microtoponimia a través da súa xeolocalización. Ademais, explicarase con exemplos prácticos as utilidades desta información xeolocalizada e normativizada para as distintas actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais (PXOM, catastro...), para a promoción turística de elementos de interese cultural de cada concello ou mesmo para o ensino, polo carácter transversal e multidisciplinar dos contidos toponímicos, salienta Vicente Feijoo.