Toponimízate amosa este venres nas Neves como participar na recolla dos nomes da terra

A cita, aberta a toda a veciñanza, será ás 20 horas mercado deste concello pontevedrés

 A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega á súa recta final este mes de outubro con tres citas que servirán para despedir a iniciativa ata o ano vindeiro. A primeira das charlas será este mesmo venres, 2 de outubro, a partir das 20:00 horas no Mercado do concello pontevedrés das Neves. O alcalde, José Manuel Alfonso González, presentará o relatorio que impartirá Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e do proxecto Galicia Nomeada, a plataforma que lle permite á veciñanza participar na recolla, salvagarda e difusión dos nomes de montes, regatos, soutos, fontes, penedos e outros microtopónimos.

A iniciativa, coordinada pola Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, pretende chegar ás asociacións veciñais e culturais da comarca do Condado e a toda a veciñanza interesada en colaborar neste gran proxecto cultural, que permite xeorreferenciar os nomes empregando o teléfono móbil.

Este labor de recolla dos nomes da terra é, sen dúbida, urxente nas Neves, pois é un dos concellos galegos que menos achegas públicas recibiu desde a posta en marcha de Galicia Nomeada hai xa sete anos. Desde 2019, só foron incluídos nesta plataforma 16 novos topónimos e hai xa catro anos que non se inclúe ningún novo. Cómpre ademais ter en conta que na época do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011) non se fixera traballo de campo nas Neves, así que as 13 parroquias e as 255 entidades de poboación que conforman o municipio teñen toda a súa microtoponimia sen recoller. Un último factor reitera a necesidade da presenza da campaña Toponímizate neste municipio: nas últimas décadas perdeu o 40% da súa poboación, un devalo que acelera a perda de informantes.

Por todos estes motivos, unha parte central da sesión desde venres centrarase en ensinarlle ao público de xeito práctico e ameno as principais funcionalidades da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, que permite rexistrar canda os microtopónimos a tradición oral vencellada aos nomes, tanto na versión web coma na dos dispositivos móbiles.

A parte final do relatorio afondará nos argumentos que levaron á Comisión de Toponimia a modificar  dous nomes de aldea deste concello na última actualización do Nomenclátor de Galicia 2026: *Porteiro e *Traloval, dúas localidades da parroquia de Batalláns, pasaron a denominarse oficialmente Porteiró e Tras do Val. Neste apartado explicarase cal é proceso de revisión do Nomenclátor e solicitarase axuda á veciñanza para continuar con este labor.

Xa para rematar, explicarase a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas deste concello que ata 1907 recibiu o nome de Setados, único en toda Galicia, como tamén o son Taboexa, Bermuín, Batalláns, Empiade...

Boimorto, penúltima parada da campaña Toponomízate 2026
O vindeiro venres 9 de outubro de 2026, o concello coruñés de Boimorto acollerá unha das citas máis especiais desta temporada de Toponimízate: a rapazada do CPI Armando Cotarelo Valledor e as persoas usuarias do Centro de Maiores reuniranse na Casa da Cultura para sumaren esforzos e loitaren pola recuperación da toponimia tradicional. A cita dará comezo ás 11 da mañá e estará aberta a toda a veciñanza interesada. 

A derradeira cita deste ano será no concello lugués de Baleira o venres 30 de outubro. A charla será ás 12:00 horas no CEIP Concepción López Rey.