Seis rapaces da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Cambre e Castrelo de Miño gañan o VII Concurso de microrrelatos

A morte, a violencia de xénero, a tenrura, a autopercepción ou a guerra de Gaza son algúns dos temas abordados nos relatos gañadores e finalistas nas categorías xuvenil e infantil do VII Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e Puntogal. Jacobo Pérez Criado (2007), alumno do Colexio Internacional Eirís da Coruña, mereceu o primeiro premio na modalidade de 12 a 17 anos; Mencía Ferreiro García (2007), estudante do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, acadou o segundo; e a valenciana Carla Coucheiro Rodríguez (2009), do Colexio La Salle de Santiago de Compostela, fíxose co terceiro. Na categoría infantil Martina Boo Álvarez (2012), do CEIP Gonzalo Torrente Ballester de Cambre, foi distinguida co primeiro premio; Mariña Abollo Aneiros (2012), do CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela, co segundo; e Xoel Villar Castro (2014), de CEIP Castrelo de Miño, co terceiro.

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Jacobo Pérez Criado, Mencía Ferreiro García, Carla Coucheiro Rodríguez, Martina Boo Álvarez, Mariña Abollo Aneiros e Xoel Villar Castro, gañadores do concurso nas modalidades xuvenil e infantil

Mariña Abollo Aneiros resultou ademais ser a autora dun dos relatos infantís finalistas canda o presentado por Pedro Novais Méndez (2012), estudante do CPR Vilas Alborada de Santiago de Compostela. Na modalidade xuvenil, o xurado elixiu como finalistas unha achega de Paula García Villar (2008), veciña de Lestedo e alumna do CPI de Vedra que xa fora finalista na pasada edición; e outra de Brais González Vázquez (2007), residente en Tomiño e estudante do IES Auga da Laxe de Gondomar.

Paula García Villar, Pedro Novais Méndez e Brais González Vázquez, finalistas

Os case 500 textos de ata 200 palabras presentados en ambas as categorías de persoas menores de idade foron avaliados polo xurado composto polo académico de número e dramaturgo Euloxio R. Ruibal; a académica correspondente e profesora da USC Montse Pena Presas; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego e membro da directiva de PuntoGal, Concha Losada; a filóloga e tamén membro do equipo de PuntoGal Cristina Ríos; e o escritor e xornalista Lois Alcayde Dans, coordinador da revista Luzes.

Os membros do xurado subliñaron a alta calidade das narracións que concorreron este ano en ambas as categorías e agradeceron o labor dos profesores e profesoras, que son na maioría dos casos quen animan os rapaces e rapazas a participaren en iniciativas deste tipo.

Morte e violencia
“Escoitouse o silencio” é o título do relato co que o coruñés Jacobo Pérez Criado foi recoñecido co primeiro premio da categoría xuvenil, á que concorreron un total de 325 contos. Este drama de 74 palabras que transcorre no mar valeulle un novo premio literario que suma ao que acadou no ano 2022 no certame de narrativa para alumnado da ESO e bacharelato que leva o nome de Ana Frank. Jacobo é ademais representante galego na fase estatal do programa de debate Modelo de Parlamento Europeo.

A luguesa Mencía Ferreiro García foi recoñecida co segundo premio xuvenil con “Piii... piii... piii”, outra perturbadora historia que comparte coa primeira a morte como tema. Apaixonada da lectura, Mencía conta que lle gusta ademais tocar o tamboril e xogar ao bádminton.

Carla Coucheiro Rodríguez, natural de València e veciña de Santiago de Compostela, gañou o terceiro premio xuvenil con “Inocencia”, un desgarrador relato que en tan só 54 palabras mergulla o lector na visión dun neno que medra nun fogar marcado pola violencia de xénero. “Dende nena fun escribindo contos e historias, e sempre busquei debuxar, ler e escribir”, explica.

O xurado elixiu ademais dous textos xuvenís como finalistas. Un é “Sempre”, unha denuncia das relacións marcadas pola violencia, de tan só 68 palabras, escrita por Paula García Villar. Alumna de 4º da ESO no CPI de Vedra, foi tamén finalista na pasada edición deste concurso con outra narración e gañou outros certames de microrrelatos promovidos polo seu colexio ou a Asociación San Campio.

A outra finalista é “Respostas”, unha narración sobre a dureza da autopercepción presentada por Brais González Vázquez, alumno do 1º de bacharelato do IES Auga da Laxe de Gondomar. O mozo recoñece que adoita escribir sobre todo no verán, aínda que a maioría das historias non chega a rematalas. “Por iso non presentei a moitos concursos ao longo da miña vida”, comenta. Este é o seu segundo recoñecemento literario tras o segundo posto acadado nun certame da súa escola polo Samaín.

Relatos infantís
A morte está tamén presente en “Un día misterioso”, unha desacougante experiencia dun cativo chamado Pedro coa que Martina Boo Álvarez, alumna de 6º de primaria do CEIP Torrente Ballester de Sigrás, foi distinguida co primeiro premio para persoas de ata 11 anos de idade. Veciña de Cambre pero con raíces en Verín, conta que sempre lle gustou escribir, goza ademais debuxando e é unha apaixonada do deporte: compite en patinaxe artística, baloncesto e atletismo. “En 3º tiven a idea de escribir un libro e, coa axuda da miña mestra, fun escribindo as primeiras páxinas”, lembra. O concurso da RAG e PuntoGal é o primeiro ao que concorre. “Seguro que a partir de agora me presentarei a máis”, recoñece.

Outra escritora precoz é Mariña Abollo Aneiros, gañadora do segundo premio infantil con “O niño da palmeira”, unha narración chea de tenrura sobre os coidados que lle dá unha familia a tres paxariños que perderon aniñadoiro. Alumna de 6º de primaria do CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela, é ademais a autora doutro relato elixido finalista, “Ola, chámome Aysha”, no que se mete na pel dunha nena de Gaza en pleno conflito bélico. Este dobre recoñecemento non é o primeiro que colleita. “Cando tiña cinco anos, gañei un concurso de literatura e debuxo do Concello de Santiago. Fíxome moita ilusión porque me entregaron o premio os Reis Magos”, rememora Mariña, que adoita escribir relatos nun caderno que ten na casa e sinala a lectura como a súa maior afección. 

Entusiasta da lectura declárase igualmente Xoel Villar Castro. Este veciño da parroquia de Astariz, no concello ourensán de Castrelo de Miño, é o gañador do terceiro premio na modalidade infantil con “Traballo a tempo completo”, de 59 palabras. A súa é unha historia inspirada na súa relación coa irmá pequena, de cinco anos, e que o o tolea, apunta. Alén dos libros, Xoel conta que lle encanta xogar aos videoxogos e practicar deporte, sobre todo a escalada.

O microrrelato máis breve seleccionado polo xurado titúlase “A última mirada”, de tan só 14 palabras. Sinalado como finalista na modalidade infantil, o seu autor é Pedro Novais Méndez, veciño de Santiago de Compostela e alumno do CPR Vilas Alborada. Tras se presentar a outras edicións deste concurso, desta volta conseguiu situar a súa narración entre as mellor valoradas polo xurado.

A RAG e PuntoGal anunciarán nos vindeiros días cales son as tres historias gañadoras na modalidade de persoas adultas e publicarán nunha edición dixital todas as premiadas. Os contos galardoados poderán lerse ademais na revista Luzes, colaboradora nesta iniciativa, canda os finalistas. A entrega dos premios celebrarase este verán na cidade da Coruña nun acto aberto a todo o público.