A plataforma Queremos Galego avanzoulle á Real Academia Galega as principais conclusións do proceso social Lingua Vital, que se presentará o 14 de marzo nun acto público convocado na praza da Quintana, en Santiago de Compostela, baixo o lema “Paremos a emerxencia lingüística”. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e a secretaria, Ana Boullón, recibiron os voceiros Marcos Maceira e Celia Armas na sede temporal da institución, unha xuntanza na que intercambiaron impresións sobre a situación do idioma e as medidas que deben promoverse desde distintos eidos para reverter a perda de galegofalantes.
Henrique Monteagudo e Ana Boullón interesáronse polas accións propostas polas entidades e os grupos de traballo que participaron no proceso promovido por Queremos Galego, e compartiron a preocupación pola evolución do uso do idioma de Galicia e a necesidade de actuar desde diversas frontes.



